O próximo luns, día 5 de xaneiro, abre o prazo de preinscrición para un novo obradoiro ofrecido pola Concellería de Xuventude do Concello de Ourense.
Trátase do obradoiro de audiovisual “Facemos un vídeo?”, enmarcado na programación de XpresiónArte, e deseñado para pór en contacto ao alumnado co mundo audiovisual en xeral, con cámaras, artellos e accesorios para a captación das imaxes. As persoas inscritas profundizarán nas funcións de realización dunha obra, nocións básicas teóricas imprescindibles, e a posibilidade de interrelación con outros campos como o deseño, a fotografía, o son e a informática.
O curso será gratuíto, dirixido a mozos e mozas de entre 15 e 35 anos, e terá unha duración total de 40 horas, coa gravación dun spot como sesión final. Terá lugar na Agrupación Miño, os martes e xoves de 18 a 20 h, entre o 13 de xaneiro e o 7 de marzo.
O curso estruturarase nos seguintes módulos: a imaxe en movemento, cámaras e accesorios, a idea e o guión, produción e promoción, a gravación e a edición.
As inscricións poderán formalizarse mediante correo electrónico (espazolusquinhos@ourense.es), ou de modo presencial na OMIX da Praza San Martiño, 2 baixo. Terán prioridade persoas empadroadas no Concello de Ourense. No caso de quedar prazas baleiras, admitiranse persoas empadroadas noutros concellos ou maiores de 35 anos.
Máis información na Concellería de Xuventude, nos teléfonos 988 388 154 ou 608 870 786.