As autoridades piden tamén a colaboración do público asistente a ambas actividades para evitar accidentes.
Co fin de continuar coa liña en materia de seguridade en eventos que conten cunha gran afluencia de público asistente, á area de Seguridade Cidadá do Concello de Verín preparou un dispositivo de seguridade especial para a Cabalgata e Gala dos Reis Magos, que terá lugar o 5 de xaneiro.
Co obxectivo de evitar posibles incidentes e actuar con eficacia e rapidez ante calquera posible emerxencia, e dun xeito coordinado entre os diferentes equipos de emerxencia, realizouse un plan de autoprotección.
A cabalgata terá saída ás 18 horas da Casa do Escudo e final na rúa Irmáns Moreno, pasando pola avenida Luis Espada e a rúa Deputación. Durante esta actividade recomendase ao público que non se achegue ás carrozas para evitar posibles accidentes. Así mesmo, lémbrase aos condutores que o tráfico rodado se irá cortando progresivamente por parte da Policía Local co avance da cabalgata.
Gala de Reis
Como en ocasións anteriores, o escenario principal onde se situarán os Reis Magos estará situado nun fondo da pista do Pavillón de Deportes Municipal. Nesta instalación disporase de dúas zonas para o público asistente: unha na pista, para persoas con mobilidade reducida, pais e nais que veñan con carrito de bebé e para público en xeral; e outra na grada para o público en xeral.
Haberá un aforo limitado non superior ás 2.300 persoas, polo que se recomenda que soamente acuda un adulto por cativo. A apertura de portas será ás 18.15 horas e poderá accederse ao pavillón pola porta principal (rúa Irmáns Moreno) e pola porta lateral (rúa José Santamaría).
Trala entrega dos agasallos por parte dos Reis Magos, os/as nenos/as e adultos que salgan do recinto non poderán volver a entrar ao mesmo.
Neste dispositivo haberá uns 30 efectivos conformados por Policía Local e Protección Civil do Concello de Verín e Cruz Vermella de Monterrei.