Este torneo de xadrez congregou en total en todas as categorías a máis de 200 participantes.
Tras o paréntese para despedir o 2014 e recibir o 2015 o clásico aberto de xadrez “Aninovo Barrocás”, que este ano chega á súa edición número 30, reanúdase nos locais da Asociación de Veciños de Barrocás e con moita emoción e igualdade entre os máximos favoritos.
Os 60 xadrecistas que toman parte no Open tentarán aproveitar ao máximo as tres últimas xornadas que terán lugar os días 3,4 e 5 de xaneiro.
Os enfrentamentos máis destacados polo trono sénior son os que disputarán Xavier Gómez e David Baltar, David Gómez e Rafael Outomuro e Alejandro De León e Adrián Gómez. Pola súa parte, a partida entre o barcelonés Carlos Martínez e o ourensán Gabriel Roma será clave de cara a definir os favoritos para a clasificación final cadete.
Horarios das probas
O sábado 3 e o domingo 4 terán a súa oportunidade os aproximadamente 150 mozos que tomarán parte nas categorías sub-8, sub-10 e sub-12, que encherán de colorido e de “deporte-ciencia” as instalación da Asociación de Veciños de Barrocás.
Os prebenxamíns xogarán o sábado pola mañá de 11.30 a 14 horas, mentres que os benxamíns faranno pola tarde a partir das 16 horas. Pola súa parte, os alevíns terán o seu torneo na mañá dominical a partir das 11.30.
Un ano máis, entre todas as categorías disputadas, o Aninovo congregaa máis de 200 participantes.