As tres formacións presentaron mocións a debater nesta primeira sesión plenaria.  O PP solicitará maior vixilancia nos puntos limpos da cidade, o BNG pedirá un plan de mantemento e conservación das árbores da capital e DO esixirá ao alcalde o cese de Aurea Soto.

 

PP, BNG e DO xa teñen preparadas as súas mocións para levar a debate no que será o primeiro pleno do 2015 no Concello de Ourense, que se celebrará o 9 de xaneiro.

Maior vixilancia nos puntos limpos
Dende o Partido Popular son críticos co estado “lamentable” no que se atopan na actualidade os puntos limpos de Eiroás e Santa Mariña, “con contedores sen baleirar e lixo polo chan”, denuncian. E no caso concreto do situado en Eiroás, insisten en que a falta de cámaras de seguridade propicia o acceso indiscriminado ao recinto, provocando desperfectos no mesmo, así como verquidos incontrolados, circunstancia esta última que tamén se da no de Santa Mariña, a pesares de que sí conta con vixilancia.

Como consecuencia, requerirán ao Goberno Municipal que busque unha solución urxente co fin de que os veciños teñan operativo este servizo ata a súa nova adxudicación; que se inicien os trámites administrativos para elaborar unhas novas bases de contratación; e que se dote de cámaras de seguridade o punto limpo de Eiroás e se instale unha a maiores no de Santa Mariña, co fin de poder detectar aos infractores.

Educación vial
Co incremento do número de atropellos na cidade, o PP resalta a importancia e necesidade de intensificar as campañas de sensibilización cara a educación vial, co fin de implicar a adultos, xóvenes, nenos, institucións, autoridades, conductores e peóns sobre o papel que todos temos na prevención desta problemática.

Así, os populares instará no pleno ao Goberno Municipal a que nos orzamentos do 2015 habilite unha partida adicada a reforzar a seguridade vial con material policial como cinemómetros, balizas, etcétera; así como para a mellora da sinalización; e intensificar as campañas de concienciación vial para xóvenes e adultos.

O BNG, contra a poda extrema de árbores
O BNG considera as árbores como unha parte do patrimonio colectivo e casos como a recente poda extrema que sufriron as árbores da Praza das Mercedes ou as do parque do Pazo de Xustiza; os chopos da rúa doutor Temes que se cortaron a pesar de que soamente un deles estaba enfermo ou os cipreses da rúa Barros Sibelo, “evidencian unha nula preocupación do PSOE polo desenvolvemento de políticas de conservación e protección dese patrimonio natural”, segundo os nacionalistas.

Por iso, O BNG solicitará no pleno do día 9 que se realice un estudo da situación das árbores para elaborar un plan de mantemento e conservación no que participen as organización ambientais da cidade e sirva de punto de partida para a posterior catalogación do patrimonio arbóreo de Ourense. Solicitará, así mesmo, que no caso en que sexa necesaria a substitución de árbores enfermas, esta se faga mediante especies autóctonas.

Cese de Aurea Soto
Democracia Ourensana pedirá ao alcalde de Ourense, Agustín Fernández, no pleno do 9 de xaneiro o cese da concelleira de Urbanismo Aurea Soto, “pero no por el hecho de estar multi-imputada, sino por la gravedad de los escritos del juez y fiscal sobre el primer juicio al que se enfrentará”, aseguran dende o partido de Gonzalo Jácome. Segundo lembran dende DO, “en palabras del juez Aurea Soto se empeñó en que el subsuelo de dicha plaza era privado cuando era notorio que era público y ahora es el fiscal el que pide hasta 10 años de inhabilitación con otro durísimo escrito”.

De non ser cesada, “la doble vara de medir de Agustín quedará de manifiesto, ya que cesó al concejal Penín al frente de sus concejalías, por el hecho menos grave de ausentarse en una votación”, resaltan dende Democracia Ourensana. Ademais, de ser así, as críticas desta formación recaerían no candidato do PSOE á alcaldía, Vázquez Barquero, “no entendemos como se puede ser candidato con una compañera de viaje así”, din dende DO.