O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, visitou as obras da primeira fase do Centro Cultural das Artes.
Un equipamento que está chamado a ser un elemento clave na vertebración da política cultural local e no eido da Eurocidade Chaves-Verín.
Esta fase, na que se está a construír o Auditorio principal, a cafetería, o espazo de administración e de aseos da futura dotación, conta co financiamento do Concello de Verín, da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e supón un investimento conxunto de 3.334.884 euros. Destes, en concreto, o Goberno galego achega, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (1.344.198,96 euros), da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (1.260.000 euros), e a Axencia Turismo de Galicia (200.000 euros), máis de 2,8 millóns de euros. Parte das devanditas actuacións están sufragadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional do Programa operativo FEDER.
Avance do Centro das Artes
Cómpre lembrar que a execución deste equipamento cultural avanza a bo ritmo. Logo da explanación e limpeza e da escavación de terras, téñense posto as lousas de cimentación, executado os muros de contención e os forxados do chan da planta baixa do futuro Centro das Artes de Verín. Así mesmo, levantáronse os piares, tanto de formigón como metálicos, da planta baixa-primeira, e os piares da formigón da primeira-segunda do aulario, e forxouse o teito da planta baixa no cubo correspondente da cafetería e ao aulario. A todo o anterior hai que engadirlle a realización dos saneamentos e drenaxes de toda a edificación; a instalación da rede equipotencial de toma de terra; e o armado da rampla de acceso ao escenario. Previsiblemente, a partir do 7 de xaneiro comezarase a colocar a pedra da fachada.