O CEIP Carlos Casares (Xinzo da Limia), o CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), e o CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso (Pobra de Trives) participan en «Voluntariado de Lectura A», organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar.

 

Esta iniciativa quere promover as actitudes colaborativas e a solidariedade no marco da biblioteca escolar. Ao igual que o ano pasado, nesta súa segunda edición, «Voluntariado de Lectura A» está integrado nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, polo que todos os estudantes participantes recibirán un diploma acreditativo polo seu labor de voluntariado de lectura.

O programa está dirixido a alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria dos centros educativos públicos e intégrase na estratexia do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad para dinamizar as bibliotecas escolares como centros de recursos de información, de alfabetización dixital e de dinamización da lectura, tanto para o propio alumnado como para as súas familias, baixo o paraugas do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe. O obxectivo é estimular o voluntariado cultural a través de actividades de colaboración na propia biblioteca e mesmo de lectura compartida organizadas dentro ou fóra do centro, coa posibilidade de incorporar a participación de outros sectores da comunidade educativa.

Modalidades
‘Voluntariado de Lectura-A’ ten tres modalidades: ‘Colaboración coa biblioteca escolar’, ‘Ler con… D’ e ‘Ler con… F’. A primeira delas vai dirixida ao alumnado que forme parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúen ao bo funcionamento da biblioteca do centro.

Pola súa parte, ‘Ler con… D’ (Lecturas compartidas dentro do centro) vai dirixido aos participantes que desenvolvan actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros ou compañeiras, dentro ou fóra do horario lectivo (as denominadas “apadriñamentos lectores”, ou outras).

No caso de ‘Ler con… F’ (Lecturas compartidas fóra do centro), comprende as actividades de acompañamento na lectura realizadas fóra do centro, tanto con outros nenos e nenas de escolas infantís, outros colexios, biblioteca pública ou institucións do concello, como con anciáns nas residencias de maiores, lectura a enfermos nos hospitais, entre outras. Tamén poderán incluírse neste apartado actividades nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio.