Cabalgata de Ourense

Con moitísimo retraso e os tres subidos á mesma carroza, así chegaron Melchor, Gaspar e Baltasar á praza Maior de Ourense, onde os agardaban centos de pacientes nenos.

O que pretendía ser unha das novidades deste ano, a estrea de carrozas autopropulsadas, resultou un desacerto, ao pinchar dúas delas antes incluso de cruzar a ponte Romana. Os incidentes obrigaron ás súas Maxestades a compartir carroza e desesperaron a moitos dos presentes ante o retraso acumulado no desfile.

{gallery}stories/comarcas/20150105_cabalgatas{/gallery}

A concelleira de Cultura, Ana Garrido, pediu desculpas á cidadanía polo retraso na chegada das súas maxestades os Reis Magos á praza Maior, pola avería en dúas das carrozas. A concelleira matizou que, a pesar deste pequeno infortunio,
tódolos nenos e tódalas nenas da cidade manterán intactas as súas ilusións para a chegada dos reis magos aos seus fogares, e engadiu que «foi unha mágoa que os reis non quixeran empregar a súa maxia para resolvelo de inmediato. Optaron por viaxar xuntos e chegar nunha mesma carroza á Praza Maior, onde centos de nenos e nenas os recibiron cos sorrisos que as súas maxestades merecen neste día que nunca esquecerán».

A empresa responsable da organización da cabalgata de Reis, asume a responsabilidade polas averías que se produxeron que responden a feitos fortuitos, xa que as carrozas foron creadas ex profeso para a cabalgata de xeito artesanal e probadas en situación de choiva, xeada e pendente.

O partido da oposición Democracia Ourensana xa anunciou que presentará unha moción de urxencia no pleno do venres para tratar o caótico y patético episodio” da cabalgata facéndose eco así, din, “de un sentir popular de indignación que el grupo municipal de D.O. acabamos de palpar a pie de calle al paso de la única carroza con los tres reyes apretados”.

Cabalgata en Xinzo e Celanova
Nas vilas da provincia, a visita dos Reis Magos desenvolveuse con máis normalidade. En Xinzo, ás cinco e media as súas Maxestades de Oriente xa estaban na praza Maior, a onde chegaron en tres vehículos antigos descapotables. Alí , enriba dun escenario, escoitaron as peticións dos pequenos, aos que agasallaron con caramelos.

En Celanova, a comitiva partiu da residencia de maiores San Carlos, a onde Melchor, Gaspar e Baltasar acudiron para saudar os anciáns que nela residen, aos que entregaron un pequeño agasallo (gorros para eles, bufandas para elas). Desde alí, e acompañados da banda de música, soldados romanos, nenos con antorchas e os seus paxes, percorreron as rúas Francisco González Rey e Emilia Pardo Bazán ata a praza Maior. Repartindo confeti, caramelos e sorrisos a aqueles nenos e nenas que estaban agardando o seu paso.