Desde o Concello de Ourense esixirán responsabilidades á empresa que construiu as carrozas.
Segue coleando o acontecido na cabalgata de Reis da nosa cidade, con pinchazos en dúas das carrozas autopropulsadas que ocasionaron un importante retraso no desfile e obrigaron a Melchor, Gaspar e Baltasar a compartir carroza durante a maior parte do itinerario. Este mércores comparecían a concelleira de Cultura, Ana Garrido, e o alcalde, Agustín Fernández, para valorar o sucedido. Ambos pedían desculpas polos fallos técnicos que houbo na cabalgata pero minimizaron a súa importancia.
Para o rexedor socialista, “tivo uns pequenos erros que a desluciron un pouco, temos que pedir desculpas polo retraso que se produciu na chegada dos Reis pero iso non afectou á ilusión dos nenos”. Segundo Agustín Fernández, dentro duns meses “quedará nunha anécdota máis”, polo que non é motivo para causar a dimisión da responsable de Cultura, tal e como pide Democracia Ourensana.
Agustín Fernández anunciou que se lle esixirán explicacións e responsabilidades á empresa que construiu as carrozas, e ademais os servizos xurídicos municipais valorarán se se realiza o pago do servizo contratado. “O servizo que non se prestou ou se prestou mal pois non se pode pagar, haberá que valorar esa circunstancia”, dixo o alcalde.
Pola súa banda, Ana Garrido reivindicou a proposta de cabalgata deste Nadal: “esa cabalgata que nos acerque ao patrimonio, é por onde creo que ten que seguir andando a cidade”, afirmou.
A responsable do espectáculo desvincúlase
A empresa Cometa Espectáculos, encargada da animación da cabalgata de Reis, exímese de calquera responsabilidade do acontecido durante o desfile, que achaca unicamente a Xes Cultura, empresa que deseñou e construiu as carrozas, e que foi contratada directamente pola Concellería de Cultura.
Nun comunicado, Cometa Espectáculos aclara que preparara un espectáculo de animación itinerante “cun número de ensaios maior ao habitual que non se puido realizar como estaba previsto polo inconvinte que supuxeron os incidentes constantes non con dúas, como se declarou, senón coa totalidade das cinco carrozas encargadas a Xes Cultura”.