O presidente do Consello Municipal de Deportes explica que as novas tarifas poderían ter estado xa vixentes se o partido de Gonzalo Jácome presentara a súa alegación na fase de emendas como o resto de partidos políticos.

 

Ante as críticas de Democracia Ourensana polo retraso na implantación das novas tarifas 2015 no pavillón dos Remedios, o presidente do Consello Municipal de Deportes, Alfonso Vilachá, vén de atribuir a demora a unha alegación “imprevista” de DO.

Nun comunicado, o presidente do CMD explica que o procedemento para modificar as tarifas do pavillón iniciárase en setembro pasado, e que no período de emendas, en outubro, só presentou unha o BNG, polo que as novas taxas foron aprobadas o 24 de novembro. As taxas deberían entrar en vigor o 7 de xaneiro de 2015, mais unha alegación de Democracia Ourensana presentada o 2 de decembro obrigou a un novo informe técnico e á celebración dun pleno extraordinario para a súa aprobación definitiva.

Por iso, Vilachá non entende as criticas ao Goberno municipal do partido de Gonzalo Jácome, “cando esta demora é orixinada pola alegación imprevista presentada por este grupo na fase de exposición o público da nova norma, cando puido efectuala no periodo de enmendas igual que os outros Grupos Políticos, facendo uso dos seus dereitos como membro do Consello Municipal de Deportes, podendo estar xa en vixencia o cobro das novas tarifas a día de hoxe”.