Comités Abertos de Ourense reunirase coa docente este luns para aclarar o sucedido.
A profesora de Traballo Social da Facultade de Ciencias de Educación de Ourense Mónica López Viso nega que se aproveitara dun traballo dos seus alumnos para sacar beneficio persoal e considérao «una falaz acusación».
O 8 de xaneiro publicábamos nesta web que os Comités Abertos de Ourense denunciaban o uso por parte dunha docente universitaria dos resultados dun traballo realizado polos seus estudantes, ao que se fixo referencia en días pasados nun medio de comunicación local. Na noticia analizábanse os resultados dun traballo de investigación sobre “A política e internet” que estudaba o uso das redes sociais por parte dos grupos políticos do Concello de Ourense. Os Comités informaran de que no curso 2013/14 alumnos da citada profesora pasaran un mes facendo seguimento diario das contas de Twitter e Facebook dos grupos políticos da corporación ourensá.
Desde os Comités aclararon nun novo comunicado que non acusan á profesora de aproveitarse da información das alumnas, “senón que pedimos explicacións ante a situación que se deu”. Para aclarar este malentendido, representantes da organización estudiantil manterán unha xuntanza este luns 12 coa profesora.
Á espera desta reunión, os Comités retiraron do seu blog a noticia, segundo a propia docente, “una vez que se le he enviado la documentación oportuna que acredita la falsedad de tales acusaciones y se ha recordado una reunión aclaratoria”.
Os Comités anuncian que darán información oportuna “despois de comprobar os datos que nos achegue”.