Desminte taxantemente as «graves e calumniosas» acusacións do BNG e esixe unha desculpa pública.
Ante a acusación por parte do BNG de manipulación da data de cita idónea para «maquillar» as listas de espera, a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense saiu ao paso para defender «a plena transparencia, rigor e cumprimento da normativa vixente na xestión das listas de espera. Labor desenvolvida con absoluta profesionalidade, e sen ningún tipo de inxerencia, por parte do persoal, técnicos e responsables do Servizo de Admisión e Documentación Clínica».
Nun comunicado, a Xerencia considera que as afirmacións da deputada nacionalista Tereixa Paz «amosan un absoluto descoñecemento da normativa vixente». Recorda a Xerencia que os datos de espera media cirúrxica e de consultas dos hospitais do Servizo Galego de Saúde son públicos e accesibles (no enlace http://www.sergas.es/MostrarContidos_N2_T01.aspx?IdPaxina=40026).
«Mostra da inveracidade e inverosimilidade da acusación feita pública hoxe pola representante do BNG e que afirma se insta a variar a prescrición clínica de indicación da «data idonea» para consultas e intervencións cirúrxicas co obxectivo de manipular as listas, cando este dato tan só consta nas consultas de revisión, ou sucesivas, consultas por tanto non incluídas no rexistro de listas de espera, nas que só figuran as primeiras consultas. Asemade, a indicación de «data idonea» na orde de intervención cirúrxica queda rexistrada na propia Historia Clínica do paciente e na copia de inclusión en lista que se lle entrega ao propio paciente, e que se rexistra o mesmo día que se entrega en Admisión ao igual que o resto de solicitudes de consulta, tanto primeiras como sucesivas», explican os responsables sanitarios nun comunicado.
Por todo isto, e en defensa da honorabilidade e profesionalidade do persoal, técnicos e responsables da Xerencia e do Servizo de Admisión e Documentación Clínica, a Xerencia insta ao Bloque a pedir desculpas publicamente ante a manifesta falsedade das súas afirmacións, e reservase recorrer a vía legal de reiterarse nas mesmas calumnias.