O delegado da Xunta fixo balance de 2014 e adiantou os proxectos para 2015 do Goberno autonómico na provincia, nun almorzo informativo.
Nun encontro xa habitual cos representantes dos medios de comunicación a comezos de ano, o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, agarda que 2015 sexa un ano “no que os datos reflictan que a crise é cousa do pasado, e este sexa un ano de recuperación”. Neste sentido, apuntou ao feito de que o paro diminuiu na provincia en 1.962 persoas (na evolución interanual”.
De 2015 tamén dixo que será o ano do traslado ás novas dependencias xudiciais na capital ourensá, que estarán operativas “a final deste trimestre”, o que suporá tamén un novo aforro en alugueres de locais, que cifrou en 632.216 euros desde que o PP chegou ao Goberno da Xunta en 2009.
Neste ano tamén se porán en marcha as obras do centro de saúde do Couto, mentres que o da Valenzá deberá agardar, pois tivo problemas na redacción do proxecto e está aínda tramitándose a súa licitación na Consellería de Sanidade.
Rogelio Martínez destacou asemade os investimentos na primeira fase do ampliación do hospital de Ourense (41 millóns), as axudas do Plan Marco para reparación de camiños, que ascenden neste exercicio a 6 millóns de euros, ou os novos fondos para obradoiros de emprego. “En 2015 hai unha cantidade para toda Galicia maior polo que pode haber algún obradoiro máis (en 2014 houbo 13 en toda a provincia), e tamén haberá unha modalidade nova: obradoiros para menores de 25 anos”.
A constitución do consello termal entre Xunta e Deputación, o investimento de 3,4 millóns na rehabilitación do Castelo de Monterrei e o de 5 millóns no Campus da Auga ou as obras de abastecemento en Cenlle, San Amaro e Punxín foron outras das actuacións que destacou o político popular.
Preguntas sobre o candidato do PP, o Concello de Ourense a súa situación procesal
Na súa xuntanza cos xornalistas, foi preguntado pola súa opinión de Xesús Vázquez como candidato á alcaldía de Ourense. “É un extraordinario conselleiro e se decide presentarse para alcalde paréceme un bo candidato: coñece a cidade e traballa pola cidade”, asegurou.
Sobre a situación actual no capital ourensá, tildouna de “desastre absoluto”, e con respecto á relación entre as dúas administracións “intentamos mantela da mellor maneira posible” aínda que “ás veces é difícil saber cal é o interlocutor, na toma de decisións non é fácil”. Citou, por exemplo, as negociacións do transporte metropolitano ou para a consecución do soar para o propio centro de saúde do Couto.
Tamén foi preguntado pola súa situación procesal, imputado por un posible mal uso de fondos europeos durante a súa etapa como alcalde de Arnoia. Martínez dixo que tiña moi claro “que o delegado da Xunta non se vai sentar no banquillo”, aínda que agarda que a investigación (xa van oito anos de instrucción) quede en nada. “O Ministerio Fiscal non acusa, nin ningún prexudicado, só acusan PSOE e BNG”, recordou.