A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o alcalde de Muíños, o presidente de Deputación e o delegado da Xunta inauguraron o Centro de Bicicletas Todo Terreo (BTT) Serra do Xurés.
O Centro BTT Serra do Xurés é un espazo ao aire libre, deseñado e preparado para os usuarios de bicicletas todo terreo, que posibilita o coñecemento do medio rural e natural a través da práctica da bicicleta de montaña. Este novo centro súmase á Rede BTT Galicia conformada ata o momento polo Centro BTT O Salnés e o Centro BTT Portas de Galicia dos que os usuarios manifestan un alto grao de satisfacción e interese.
O feito de contar en Galicia cun circuíto deseñado especificamente para a utilización da bicicleta de montaña é froito da aposta do Goberno galego por desenvolver o turismo sostible e por incentivar a práctica deportiva como un novo xeito de coñecer o destino.
A directora de Turismo de Galicia destacou durante o acto inaugural que un dos retos actuais de Turismo de Galicia é posicionar a comunidade galega como modelo europeo de turismo sostible. “É por isto que unha das liñas estratéxicas do noso Plan Integral céntrase na consolidación de Galicia como un destino ambiental, social e economicamente sostible procurando a responsabilidade de todos os axentes no desenvolvemento equilibrado e a longo prazo”, explicou Nava Castro.
Así mesmo, Nava Castro incidiu na interesante variedade de atractivos turísticos da comarca e destacou que nos primeiros once meses do pasado ano 2014 a provincia de Ourense albergou a mais de 243 mil viaxeiros, os cales realizaron máis de 465 mil pernoitas.
“Contribuír a incrementar estas cifras e complementar a magnífica oferta paisaxística e natural con actividades que permitan o desfrute da mesma en conexión coa natureza é o obxectivo deste Centro BTT, que enriquece máis se cabe a experiencia turística nesta comarca, todo un paraíso para os visitantes e todo un orgullo para os galegos”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.
Rutas e servizos
O Centro BTT Serra do Xurés ofrece un total de seis rutas, cinco delas polo concello de Muíños e a sexta compartida co concello de Lobios, que poñen a disposición dos usuarios un total de 133 quilómetros.
Trátase dun destino BTT único que ofrece trazados de diferentes niveis de dificultade. Así, no Parque Forestal de Outeiro da Cela, por exemplo, pódese gozar dun agradable paseo bordeando o encoro das Conchas. Así mesmo, a Ruta Megalítica, que parte desde As Maus de Salas, ofrece un percorrido moi sinxelo, apto para toda a familia e que nos traslada á época do Megalitismo. Pola súa banda, os ciclistas máis expertos poderán percorrer parte do trazado da Vía Nova ao seu paso por Lobios, así como internarse nos picos de Fontefría e percorrer algunha das poboacións máis singulares, como A Cela, Prado de Limia, Requiás ou Guntumil.
O Centro BTT Serra do Xurés facilita servizos e información completa e detallada sobre as rutas e ofrece servizos como o alugueiro de bicicletas, vestiario e ducha, información puntual sobre os percorridos que se poden realizar ou os datos sobre os niveis de dificultade das rutas, información turística e outras actividades deportivas.