A través dun ciclo de charlas informativas nas asociacións de veciños que comezou na do Polvorín este martes e chegará a outros 14 colectivos veciñais en vindeiras semanas.
A Concellería de Participación Cidadá e o Servizo de Extinción de Incendios do Concello de Ourense poñen en marcha unha campaña informativa sobre prevención e protección ante os incendios no fogar.
A concelleira de Participación Cidadá, María Devesa, o oficial de bombeiros José Benito Álvarez e os sarxentos de Formación, Manuel Ferreira, e Prevención, Nicanor Muñoz presentaron a campaña, que se desenvolverá nas asociacións veciñais da cidade, a través de charlas informativas nas que bombeiros e bombeiras de Ourense achegarán á cidadanía consellos prácticos para previr os incendios e pautas de actuación en caso de que se produzan.
A asociación do Polvorín acolleu a primeira das charlas, que continuarán nos próximos días nun total de 15 asociacións veciñais que as solicitaron, así como naquelas outras que o demanden. Os bombeiros de Ourense tamén darán formación a nenos e nenas que participan nos programas de actividades de lecer que organiza os sábados a Concellería de Participación Cidadá.
Un estudio recentemente realizado a nivel do estado español puxo de manifesto a falta de información que se detecta na poboación en materia de seguridade contra incendios, tanto a nivel de prevención como de actuación cando se producen.
Por este motivo, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros elaborou un decálogo con 10 consellos prácticos para a prevención, que serán explicados polo miúdo nestas charlas, relativos a instalacións eléctricas, planchas, cigarros e cinceiros, braseiros de carbón, velas, estufas, infancia, campañas extractoras e chemineas, gas, potas ao lume, cociñas e fornos.
Tamén se explicará á veciñanza a utilidade e o correcto uso de instrumentos como detectores de incendios, mantas apagalumes ou extintores, así como pautas de actuación en caso de incendio.