O alcalde de Ourense, Agustín Fernández asinou este xoves o decreto no que delega na concelleira Juana Ageitos as atribucións das áreas de Infraestruturas, Augas e saneamento, Servizos Xerais, Contratación e Sistemas de Información.

 

Juana Ageitos une as competencias nestas áreas á de Comercio e as exercerá en réxime de dedicación exclusiva. O alcalde de Ourense manterá, pola súa banda, as competencias da área de Urbanismo.

Previamente completouse a revogación das atribucións que ata esta semana estaban delegadas na concelleira Áurea Soto. O alcalde revogara nun decreto o luns aquelas que tiña por delegación da Alcaldía, e esta mañá, a Xunta de Goberno local aprobou á súa vez revogar as competencias que este órgano lle tiña delegadas.

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar, mediante procedemento aberto, o servizo de axuda a domicilio do Concello de Ourense a Limpiezas, Ajardinamientos y Servicios SERALIA SA, que presentou a mellor oferta das catro que concurriron ao concurso convocado polo Concello, de acordo cos criterios definidos no prego: proposición económica (95 puntos) e documentación técnica (5 puntos).

Tamén esta mañá deu un paso máis o concurso convocado polo Concello para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de xestión de visitantes, atención ao público e servizos complementarios dos espazos expositivos da planta
baixa da antiga sede do Banco de España – Sala Valente e do claustro de San Francisco, dous espazos culturais que foron visitados por máis de 24.000 persoas no pasado ano 2014.

Ao concurso presentaron as súas propostas un total de 15 empresas, resultando Combina Social S.L. a que presentou a mellor oferta á vista dos criterios definidos no prego: oferta económica (90 puntos), horas gratuítas (7 puntos) e prezo de hora non habitual (3 puntos), obtendo un total de 99,14 puntos. A Xunta Local acordou requirir a esta empresa para que achegue a documentación necesaria para proceder á adxudicación.

Tamén este xoves a Xunta Local acordou prorrogar o contrato de outorgamento de autorización para ocupación de espazos de dominio público con colectores para roupa e calzado coa empresa TEXLIMCA, S.A., por un período dun ano. Esta autorización permitirá que siga operativo este servizo, que conta cunha trintena de colectores instalados na cidade para achega de roupa usada para a súa reciclaxe ou reutilización de tecidos e roupas ou aproveitamento das súas materias primas.