Abordará temas como a familia como primeiro axente de socialización, a disciplina positiva ou a afectividade e sexualidade na adolescencia, entre outros. Os interesados poden inscribirse na Concellería de Saúde.

 

A Concellería de Saúde do Concello de Ourense inicia unha nova edición da ”Escola de Nais e Pais”, un programa de educación familiar que ten como obxectivo apoiar a nais e pais no proceso evolutivo, educativo e madurativo de fillos e fillas, tentando fortalecer o seu papel referencial, ao tempo que potenciar a comunicación e as habilidades sociais necesarias para favorecer un bo clima emocional e de relación familiar.

As persoas interesadas (nais, pais, educadores/as) poden inscribirse ata o 30 de xaneiro, ou ao inicio de cada un dos tres módulos que forman o programa, na Concellería de Saúde (rúa Concordia), no 988 51 06 22, ou a través dos centros educativos que desexen participar. A actividade é gratuíta.

A través dunha metodoloxía activa e participativa, en grupos de entre 15 e 25 persoas, en sesións dunha hora e media 2 días á semana, abordaranse diferentes aspectos, co obxectivo de axudar ás familias a previr condutas problemáticas, dotándoas de estratexias e ferramentas axeitadas.

Nesta edición abordaranse 3 módulos. O primeiro deles é “As familias e a sociedade”. Durante o mes de febreiro, tratará temas como as familias na actualidade, o ciclo familiar e as crises, a familia como primeiro axente de socialización, as variables que inflúen na convivencia, as habilidades sociais e a resolución de conflitos.

O segundo abordará “Educar para a autonomía”. Ao longo do mes de marzo profundizará nos estilos parentais, a disciplina positiva, os trastornos da conduta na infancia, o rendemento escolar, as técnicas para axudar a nenos e nenas nos estudos e a relación familia-escola.

E o terceiro, “A familia e a adolescencia”, que se impartirá en abril e maio, abordará temas como a adolescencia positiva, as técnicas de información e comunicación, a afectividade e sexualidade, a alimentación e os trastornos, o tempo de lecer e a familia ante as drogas.