O acto terá dará comezo ás 19:00 nos locais da Aula de Natureza do Río Miño, situada na zona de Oira.

 

O evento, que organiza a asociación Amigos da Terra xunto coa Aula de Natureza do Río Miño, do Concello de Ourense, contará coa presenza do autor de «Durmiendo con lobos», Andoni Canela, que estará acompañado por un experto naturalista que introducirá aos asistentes no tema analizando os principais desafíos da conservación no noso territorio. Farase especial fincapé nesta singular especie que sempre está rodeada de polémica. Alberto Rivero, autor do blog Fauna Vertebrada de Ourense será quen asuma este papel de presentador.

«Durmiendo con lobos» reúne as fotografías de lobos ibéricos en liberdade que Andoni Canela tomou durante os últimos vinte anos. A obra contén numerosas imaxes inéditas como a reunión dunha manda de trece lobos, a nai loba alimentando os cachorros, lobos atravesando a montaña nevada en inverno, o xogo frenético dos lobetos no bosque e as noites escoitando os seus ouveos no monte. As fotos tomáronse nalgunhas das paisaxes máis agrestes da Península Ibérica: as montañas de Riaño, o Val de Somiedo, os Ancares, a Serra da Culebra e na contorna dos Picos de Europa. O libro inclúe textos de Juan Carlos Blanco, biólogo e membro do Grupo de Especialistas do Lobo da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), que tratan sobre a bioloxía e a conservación desta especie.

Andoni Canela fotografou desertos, selvas tropicais, glaciares, volcáns, mares e montañas nos cinco continentes. Tamén realizou numerosos proxectos destinados a documentar a bioloxía da fauna ameazada de distintos hábitats: o tigre de bengala na India, o oso panda na China, a balea gris de Baixa California ou o oso polar no Ártico son algúns exemplos. As súas fotografías aparecen regularmente en medios de comunicación como National Geographic, La Vanguardia, El País, BBC Wildlife, Newsweek e Sunday Times. A súa obra foi exhibida en numerosas exposicións individuais en España, Portugal, Italia, Inglaterra e Corea. Ao final do acto de presentación as persoas participantes terán ocasión de que o autor lle deixe unha adicatoria manuscrita ou mercar algún exemplar desta magnífica obra.