As obras de rehabilitación tiveron un custo de dous millóns de euros, que foi financiado polo Ministerio de Fomento. Con galería de imaxes.
A ministra de Fomento, Ana Pastor, visitou este luns a Praza de Abastos número 2 da Ponte, cuxas obras de remodelación e mellora foron recentemente recepcionadas polo Ministerio. Fomento investiu dous millóns de euros nesta rehabilitación, froito dun convenio de colaboración entre o Ministerio e o Concello de Ourense. A empresa Tragsa executou o proxecto, redactado por Oikos Estudio SLP.
Segundo Ana Pastor, foi un traballo de remodelación “cuidadoso e intenso” que deixa unhas instalacións “magníficas” nun edificio con máis de 80 anos de historia no que o paso do tempo fora mermando a actividade comercial. “Estamos seguros de que va a revitalizar la zona”, dixo a ministra, quen subliñou que os dous millóns de euros gastados nesta obra son “una inversión muy productiva”
{gallery}stories/novas/20150119prazaPonte{/gallery}
O Concello ultima a próxima convocatoria dun concurso para adxudicar a explotación do conxunto dos postos, nos que xa amosaron interese diversas emprendedores e empresas relacionadas co sector. Así, a veciñanza do barrio da Ponte poderá proximamente desfrutar das novas instalacións da praza, que porán en valor o potencial do mercado municipal, mantendo os seus usos habituais e adaptando as instalacións ás necesidades actuais. O alcalde, Agustín Fernández,dixo durante a visita que a nova Praza de Abastos da Ponte será “un foco de dinamización cultural, económica e social” e agarda que a súa posta en funcionamento “sexa un antes e un despois no devir deste barrio”.
Distribución de espazos
O total da superficie útil do edificio é de 1.308 metros cadrados, dos 1.633 metros cadrados de superficie construída. Trala reforma, o edificio divide os seus espazos nunha primeira planta na que se optimizou o espazo dispoñible, e que conta agora con sala de exposicións, sala de usos múltiples, biblioteca, biblioteca infantil e patio. A asociación de veciños da Ponte voltará ter aquí a súa sede. A entreplanta servirá de conexión entre o primeiro andar e a planta baixa, que se dedicará a mercado –con nove postos- e área de degustación. No semisoto ubícanse os aseos, almacéns e outras instalacións. Os accesos ao mercado foron mellorados, suprimindo barreiras arquitectónicas, e as plantas están relacionadas mediante un ascensor.
Acompañaron á ministra e ao alcalde nesta visita o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, concelleiros, senadores, deputados e numerosos veciños da Ponte.