O grupo municipal do BNG vén de rexistrar a petición para que, en cumprimento de acordo plenario, o goberno de Ourense realice un acto institucional o próximo 24 de febreiro en homenaxe a Rosalía de Castro.
A solicitude para que se institucionalizara esta data como Día de Rosalía realizouna o BNG o pasado ano e a corporación aprobou a proposta así como que se emprenderan e fixeran actividades de promoción da obra da escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. Porén, o único que se fixo dende a concellaría de Cultura foi editar un marcapáxinas, alegando a súa responsábel, Ana Garrido, que non daba tempo a máis.
É por isto que o BNG lembran desta volta con antelación a data e «a importancia de realizar un acto institucional ademais de apoiar actividades que dean a coñecer á cidadanía a figura dunha muller extraordinaria que foi capaz de romper a marxinalidade do galego e desafiar á sociedade do seu tempo cun discurso comprometido coa súa terra, coas súas xentes e coa súa lingua».