Transmitíronlle á ministra de Fomento as súas queixas e reivindicacións sobre o trazado da autoestrada.
A reunión tivo lugar este luns nas dependencias do centro cultural Marcos Valcárcel aproveitando a visita da ministra á capital ourensá. No transcurso da entrevista, Ana Pastor manifestou o compromiso do Ministerio de Fomento para abrir o período de exposición pública do tramo Monforte-Ourense, e así dar posibilidade a que se presenten alegacións ao trazado.
Así mesmo, segundo comentaron os membros da Plataforma, a Ministra mostrouse moi sorprendida polas repercusións que podería carrexar a realización desta obra segundo está proxectado o trazado actual.
O colectivo móstrase «satisfeito» polo compromiso alcanzado por parte do Ministerio, aínda que advirte que continuará loitando ata conseguir a modificación do trazado.
A plataforma sostén que o trazado aprobado afectará gravemente a zona, destruíndo o seu tecido social á vez que poñerá en perigo o seu desenvolvemento económico e turístico. Non hai que esquecer ademais que a A-76, tal e como está deseñada actualmente, supón unha perigosa agresión a un espazo natural que se encontra en proceso de candidatura para ser nomeado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.