A empresa anuncia novas contratacións en todo o estado ao tempo que formula unha nova modificación substancial indefinida das condicións de traballo de toda a plantilla, apunta o sindicato.
CCOO critica que a dirección de Carrefour Ourense, por terceira vez en cinco anos, pretenda «un novo recorte de dereitos aos seus traballadores baixo o pretexto da crise e a pesar de que recentemente anunciase que en 2015 ían crear 3.000 postos de traballo indefinidos en todo o Estado».
Segundo o sindicato, a empresa pretende realizar en 2015, unha nova Modificación Substancial das Condicións Laborais dos seus traballadores, abrindo un período de consultas cos sindicatos con representación no Comité Intercentros de Hipermercados da empresa. A proposta empresarial inclúe a aplicación “indefinida” das modificacións, que supón horarios irregulares con deslizamentos, cambios de quendas, quendas partidas, mobilidade xeográfica e funcional, traballo en domingos e festivos e imposibilidade de conciliar a vida familiar e persoal, etc., valora CCOO.
CCOO considera que a nova pretensión da empresa é «unha medida agresiva e innecesaria que empeorará aínda máis as condicións de traballo e afectará a horarios irregulares, quendas partidas, mobilidade xeográfica e funcional, traballo en domingos e festivos para todos, de forma gratuíta e coa imposibilidade de que as traballadoras e traballadores podan conciliar a súa vida laboral e persoal».
Óscar Sanchez, portavoz da sección sindical de CCOO en Carrefour Ourense, afirma que “esta nova medida da empresa é agresiva e innecesaria despois de sufrir xa dúas modificacións ou aplicación do art.º 41 (2009 e 2012), a última con data de finalización o 31 de decembro de 2014; baixo o paraugas da Reforma Laboral, Carrefour realiza abuso da norma para rebaixar, aínda máis, as condicións laborais dos seus traballadores/ás, a pesar de constatar que se recuperaron as vendas e se obtivo beneficios nestes últimos anos”.
En CCOO rexeitan de forma contundente a proposta da empresa e afirman que farán formulacións para frear ou suavizar o posto enriba da mesa e para minimizar o seu impacto sobre a plantilla, sen descartar accións e mobilizacións contra as pretensións empresariais. De feito, este luns membros da sección sindical de CCOO de Carrefour Ourense participaron nunha concentración que se realizou a nivel autonómico na Coruña.