O portavoz nacionalista, Leopoldo Rodriguez Puga, lembra que desde a súa inauguración en 2011, a infraestrutura «aínda segue a presentar deficiencias de distinta índole».
O grupo municipal do BNG denuncia a falta de calefacción e de acceso á rede wifi na biblioteca do Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, diante das numerosas queixas dos usuarios. Para o Bloque, as deficiencias poñen de manifesto «a deficiente xestión de diñeiro público que ao longo destes anos ten feito o Partido Popular no Concello de Celanova».
Os nacionalistas critican o que considera «dilapidación» de cartos en proxectos «de pouco ou ningún fundamento» como «a construción dun castro artificial de arredor de 300.000 euros, cando esta totalmente abandonado o orixinal» ou un pavillón «que non ten as medidas regulamentarias e cun deseño das gradas que impiden ver a totalidade das pistas deportivas», ou a estación de autobuses «que despois de 14 anos está en estado de semirruína e abandono, por non ser nunca usada».