Os nacionalistas queren vincular o mercado pontino ao proxecto municipal “Come Ourense”.
O BNG voltará presentar no vindeiro pleno do Concello de Ourense unha moción sobre a xestión da Praza de Abastos da Ponte. Se no verán pasado demandaban unha xestión pública para a instalación –daquela a moción fora retirada da orde do día- agora propoñen “vincular” este espazo ao proxecto municipal ‘Come Ourense’” especializando o mercado na venda de produtos ecolóxicos e de proximidade. Cren que as renovadas instalacións son compatibles coa súa proposta, que inclúe máis postos dos actuais (agora son oito), e a realización de feiras e de actividades formativas e culturais. “Ten que ser un proxecto de cidade participado por moitas concellerías”, apuntaba a edil Ximena González.
En todo caso, os nacionalistas queren que a xestión sexa “comunitaria, por parte das praceiras, en ningún caso unha cesión a unha empresa privada, iso non dinamiza”, explicaba González. Opinan que desta maneira fomentaríase o emprendemento, xeraríase emprego de calidade e impulsaríase o comercio local.
O Bloque repróchalle ao Goberno municipal que “non teña contido” para a Praza de Abastos da Ponte, que aínda non foi recepcionada polo Concello. “Tampouco coñecemos os pregos” da futura concesión do mercado, engadía a concelleira nacionalista.