Este Martes de Entroido, gran desfile de comparsas e carrozas en Xinzo a partir das 17 horas, seguido de animación nas rúas por charangas e baile con orquestra na praza do Toural.
O Concello de Xinzo e a Comisión de Festas do Entroido 2015 presentaron o programa de actos para as vindeiras cinco semanas de ciclo festivo. O concelleiro de Cultura de Xinzo, Carlos Gómez, fixo un chamamento “á celebración do entroido tradicional” durante a presentación do programa do Entroido 2015 da capital limiá. Son cinco semanas de festexos que comezan co “petardazo” á medianoite do sábado 24 ao domingo 25 de xaneiro, e que non rematarán ata o 22 de febreiro, Domingo de Piñata.
Sen grandes novidades na programación, a maior parte dos 75.000 euros de orzamento -50.000 procedentes das arcas municipais e o resto recadado entre as achegas de veciños e comerciantes- destinaranse á contratación da animación musical. Orquestras, charangas, batucas e bandas de gaitas porán o contrapunto sonoro a unha festa que se vive na rúa, e que quen coñece un ano, repite.
O ciclo tradicional inclúe o Domingo Fareleiro (25 de xaneiro), Domingo Oleiro (1 de febreiro), Domingo Corredoiro (8 de febreiro), Domingo de Entroido, (15 de febreiro) e Domingo de Piñata (22 de febreiro), ademais doutras citas importantes como o Colgamento do Meco (o 31 de xaneiro), a Noite das Mulleres (7 de febreiro), o Venres Infantil (o venres 13 de febreiro), o desfile de Martes de Entroido (17 de febreiro), e o Enterro da Sardiña (18 de febreiro).
É o de Xinzo un entroido “participativo, mezcla de rural e urbano, no que todo o mundo é protagonista e ten o seu espazo e lugar”, destacaba o edil de Cultura. Para que todos poidan gozar da festa, por segundo ano realízase un oleiro adaptado o 2 de febreiro para os usuarios do centro sociocomunitario, o centro de día, a residencia Santa Mariña e os membros da asociación LIMISI. Tamén os nenos terán actividades propias na tarde do Venres Infantil e no Domingo de Piñata, e máis ambientación musical no seu desfile, o propio venres 13. O Festival da Canción Humorística e un obradoiro de iniciación á maquillaxe organizado pola Concelleria de Xuventude son outras das opción para participar do entroido limiao.
Carlos Gómez animaba á “convivencia cívica” durante este mes de celebración e rogaba á xente “que evite o botellón”. Pola súa banda, o alcalde, Antonio Pérez, recordou que estará habilitada unha zona de aparcamento para autobuses e autocaravanas durante estes festexos.
Apertura do Museo do Entroido
O rexedor aproveitou para anunciar que o Concello xa dispón do convenio coa Axencia Galega de Turismo para concluir os traballos de musealización do Museo do Entroido. Son 70.000 euros que se destinarán nas vindeiras semanas a completar o contido deste recinto cultural, que o rexedor ve posible inaugurar na última semana de entroido.
No acto de presentación do Entroido 2015 os asistentes tiveron un recordo para un clásico na organización do carnaval limiao, Manolo Santana, que se atopa convalecente no hospital.