O Concello de Allariz procederá, a partir do día 2 de febreiro e ata o 6 de abril, ao cobro dos recibos polo Imposto de vehículos de tracción mecánica e Taxa pola prestación do servizo de recollida do lixo correspondentes ao ano 2015.
Os interesados poden consultar o contido das listas cobratorias na pranta baixa da Casa do Concello en horario de oficina de 9:00 a 14:00 de luns a venres.
O Concello de Allariz permite dúas formas de pagamento. O 70% dos contribuíntes que teñen o pago dos recibos domiciliados nunha entidade bancaria, recibirán, no seu domicilio, o correspondente xustificante bancario do seu pagamento. No caso dos recibos non domiciliados, os contribuíntes recibirán no seu domicilio os recibos que deberán presentar nalgunha entidade bancaria das que neles se citan.
Como novidade, este ano, os recibos non domiciliados incorporan un código de barras que axilizará o pago nas entidades bancarias.
O calendario impositivo do Concello de Allariz continuará cos prazos habituais. O IBI sairá ao cobro entre maio e setembro e o IAE de novembro a decembro.