O delegado territorial da Xunta e técnicos do Igape presentaron as novas liñas de apoio postas ao dispor do tecido empresarial, dotadas con 6,5 millóns de euros.
Durante a xornada desenvolvida en colaboración coa Asociación de Empresarios de Valdeorras (Aeva), Rogelio Martínez salientou que o obxectivo é procurar que tanto os emprendedores como as pemes teñan, desde que comeza o novo ano, instrumentos idóneos para impulsar novos proxectos empresariais e contribuír, deste modo, a dar “un impulso definitivo para a reactivación do tecido produtivo” e a consecución da Industria 4.0, que se fixa como obxectivo na Axenda da Competitividade Industrial Galega.
O delegado territorial destacou a importancia destas axudas para que as empresas de Valdeorras aposten pola súa internacionalización e optimización de resultados e, así, logren o obxectivo de reactivar a economía.
Entre as liñas de apoio que vén de activar a Consellería de Economía e Industria cómpre salientar as novas convocatorias de axudas para procurar que as pemes galegas poidan impulsar a renovación dos seus equipos produtivos e mellorar, deste xeito, a súa competitividade. Esta liña facilitará a mobilización de 10 millóns de euros en novos investimentos.
Por outro lado, Economía e Industria activou tamén o programa Galicia Emprende, para emprendedores que desexen crear un novo negocio ou consolidalo. Estas axudas poden complementarse cos préstamos directos facilitados polo Igape e por Xesgalicia.
Tanto as axudas para proxectos de renovación de equipos produtivos como as destinadas a investimentos impulsados por novos emprendedores son en Valdeorras, e no resto de Ourense, un 5% superiores ás que lles corresponderían aos mesmos proxectos noutras zonas.
Para avanzar na internacionalización das empresas galegas, o Igape activou tamén apoios para a contratación de xestores expertos en comercio exterior que tamén teñen especial intensidade de axuda en Ourense. E, por outra banda, neste mesmo eido, o Instituto vén de convocar un ano máis os apoios para que as empresas do sector téxtil poidan desenvolver as súas estratexias de promoción e internacionalización.
Entre os programas que veñen de activarse, tamén se inclúe unha nova liña para impulsar a formación do capital humano a través da cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías, no marco de proxectos promovidos por organismos intermedios empresariais, con preferencia para centros tecnolóxicos.
Por último, a estes programas se lles suman as bolsas formativas vinculadas ao programa ReAcciona que permitirán a 100 novos titulados obter formación práctica especializada colaborando na implantación dos proxectos de mellora que se impulsarán, durante este ano, en máis de 300 empresas galegas.
A xornada desenvolvida no Barco de Valdeorras incluíu, tamén, a presentación doutro programa para o fomento da actividade económica posto en marcha a primeiros de ano e dedicado a facilitar o acceso ao solo empresarial con bonificacións de ata o 50 por cento.