O xurado deu a coñecer o fallo, destacando da obra, «Bicha», “o atractivo dos personaxes e a importancia que o relato da a amizade entre nenos e animais”.

 

A escritora coruñesa Eli Ríos (Londres, 1967) coa obra «Bicha» (presentada baixo o lema “Pumuqui”), foi a gañadora da XII edición do «Premio Pura e Dora Vázquez de Narración», dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado deu a coñecer o fallo este venres trala reunión mantida no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense, destacando da obra premiada “o atractivo dos seus personaxes para o lector e a importancia que o relato da a amizade entre nenos e animais, ademais de axeitarse perfectamente para ser ilustrada dentro do espírito do premio”.

De todos os textos presentados ao premio, o xurado destaca a gran calidade literaria e salienta a dificultade que isto supuxo na elección. A gañadora foi seleccionada de entre dúas obras que competiron ata o final, sendo elixida finalmente Bicha por maioría.

Segundo as normas do premio, a obra gañadora será enviada aos interesados en participar no «XII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración», para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Eli Ríos. Nesta modalidade establécese un premio de 1.500 euros, e os traballos terán que estar presentados antes do 30 de marzo de 2015.

O xurado do «XII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración» estivo presidido por Avelino García Ferradal, deputado de Cultura da Deputación de Ourense, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, María Rosa González Méndez, Franci Stella Estrada Mosquera e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.

Eli Ríos (Londres, 1967), filla de emigrantes, nace en terras londinenses pero logo se traslada a unha pequena aldea de Ordes, onde pasa a súa infancia. As inquedanzas culturais levarana, xa de maior, a realizar un percurso por lugares da lusofonía como Portugal, Açores e Cabo Verde, até asentarse definitivamente na Coruña. É, entón, cando comeza a afianzar proxectos como contacontos infantís, recitais ou obradoiros literarios así como a publicación dos poemarios «Nós escoitando o badalo de marienplatz» ( XII Premio de poesía Concello de Carral, 2009), «Rúa da Cancel» (obra colectiva que acadou o IV Certame de poesía erótica Illas Sisargas, 2009), «Maria» (I Premio de Poesía Figurante, 2013), «Anamnese» (II Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, 2014), Doe tanto a túa ausencia (XVIII Certame Francisco Añón de Poesía, 2014) e «Diario de fotograma»s (2º premio do I Concurso de Poesía “Centro Recreativo de Artes”, Ribeira, 2014).  En narrativa resultou gañadora do Premio Modesto R. Figueiredo en 2014, por «Remexido de patacas». Actualmente colabora co xornal Sermos e como crítica literaria na revista dixital A Sega.