Domínguez: “póñome ao servizo dos activos de Compromiso para seguir espallando a organización e reforzando a súa posición como núcleo central do novo nacionalismo”.
Na asemblea comarcal de Compromiso por Galicia, celebrada este xoves, procedeuse á renovación dos órganos de goberno. Así, como coordinador comarcal para Ourense resultou elixido Jonathan Domínguez, de xeito unánime entre os afiliados da formación galeguista. A el sumaranse os responsables de CxG nas localidades da comarca para formar a súa Executiva Comarcal, que se completa con Luis Felipe Fernández como responsable de organización.
Domínguez, que exercía ata a pasada semana como responsable de Comunicación da formación en Ourense, pasa agora a ostentar a máxima representación de Compromiso na comarca e será o encargado de coordinar ás localidades que abrangue a mesma.
“Un gran reto en momentos difíciles”
Na súa intervención, xa como coordinador, Domínguez aseguraba que era “un gran reto asumir o cargo ante o intenso ano electoral que se presenta”. Engadía ademais que “Compromiso é a gran esperanza do nacionalismo/galeguismo logo da dilución de Anova e do peche total do BNG”.
Jonathan Domínguez, licenciado en dereito e con 25 anos, foi o pasado mes de outubro candidato ás primarias para a alcaldía de Ourense, nas que se impuña Xosé Mosquera. Agora, logo de deixar a súa responsabilidade na comunicación do partido, traballará no crecemento e fortalecemento da organización, para o cal se puxo ao servizo da afiliación e da cidadanía que simpatiza co proxecto.
Renovacións e primarias
Compromiso segue avanzando en Ourense, no plano organizativo e no político. Así, no que se refire ao primeiro, logo do Congreso Nacional da formación, xa se procedeu a renovar os órganos comarcais e tamén os das localidades de Ourense, onde resultou elixida secretaria local Ana Bande e de Taboadela, na que Antón Vila será o secretario local e o candidato á alcaldía.
E respecto do plano político, logo das primarias de Ourense, Taboadela e Maceda, pronto virán as de Vilar de Santos, núcleo importantísimo para Compromiso, onde goberna en solitario.