Urxencias do CHUO

“Dimos una respuesta asistencial desde el minuto 1”, explicou Eloína Núñez, concretando que se aumentaron as camas dispoñibles (cen máis) e se reforzou o persoal.

 

A xerente da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense defendeu a resposta dada ante o repunte asistencial das últimas semanas no complexo hospitalario ourensán debido ao pico da gripe.

Núñez explicou que este ano a cepa da gripe afectou máis á poboación máis envellecida, e que aínda que o incremento nas urxencias nos últimos 30 días non foi significativo (199 casos de media fronte aos 196 que houbo de media en 2014), si se incremetou a complexidade dos casos (dun 50% na media do ano pasado a un 58% na media do último mes), así como o número de ingresos (dun 24,4% de media anual a un 28,6% de media nos últimos 30 días). De feito, se a media de ingresos urxentes nun día calquera é inferior a 50, no último mes superouse ese dato en 26 días, alcanzáronse nun par de ocasións case os 80 ingresos nunha soa xornada.

Uns ingresos que afectaron especialmente ás áreas de Medicina Interna e Neuroloxía, nas que, segundo os responsables da sanidade pública ourensá, a cifra de especialistas é a axeitada. O CHUO ten 30 internistas para un total de 260 camas, a ratio máis alta por paciente de toda Galicia. A xerente si recoñeceu carencias de persoal en Dixestivo (con dous especialistas menos e outros dous de baixa), Traumatoloxía e Anestesia, pero dixo que estaban en proceso de contratar máis persoal.

Para minimizar a afección deste repunte asistencial, Eloína Núñez apuntou que “hay que poner los recursos fuera del hospital” e concretou varias solucións: o incremento pola hospitalización a domicilio, o proxecto de crónicos-pluripatolóxicos de Atención Primaria, a telemedicina e a innovación prevista no Hospital 2050. “Creemos que vamos en la buena dirección”, concluíu.

Mal estado centros de saúde
Con respecto á denuncia do sindicato de enfermaría SATSE sobre o mal estado de varios centros de saúde da provincia, como é o caso de Piñor, Paderne de Allariz, A Valenzá ou Ponte Noalla, o director de Recursos Económicos da Xerencia, Alberto Pedrero, explicou que nestes casos que son centros municipais son competencia das Administracións locais os arranxos. “Nosotros remitimos al Concello escritos para que lo solucione”, apuntou.