Propón á Deputación a creación dunha mesa de traballo para concretar a metodoloxía a seguir, os ámbitos concretos de cooperación e os compromisos e accións a asumir polas partes.
Coa finalidade de presentar á convocatoria de financiación de fondos europeos unha candidatura o máis potente e defendible posible, así como considerando moi positiva a cooperación institucional en defensa dos intereses da cidadanía, o Concello de Ourense acepta a proposta da Deputación de Ourense para optar conxuntamente á financiación dos fondos convocados. Deste xeito, o goberno municipal dá resposta cunha boa acollida á iniciativa colaborativa que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, plantexou o pasado mércores ao alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e ao concelleiro de Termalismo, José Ángel Vázquez Barquero.
Segundo as claves mantidas nesta xuntanza, “Ourense, a provincia termal”, “Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente”, “Ourense Provincia Intelixente” e “Competitividade Ourense”, son as catro áreas susceptibles de ser financiadas pola Unión Europea. Das catro, o goberno municipal considera máxima prioridade a primeira das liñas de actuación. Segundo o goberno municipal, “non podería entenderse un proxecto termal na provincia sen a participación da capital, merecedora de recursos financieiros para desenvolver a nosa maior riqueza”.
Proposta de creación dunha mesa de traballo
Neste senso, o Concello de Ourense propón á Deputación a creación dunha mesa de traballo con representantes das dúas institucións, na que se concrete a metodoloxía a seguir, o ámbito concreto de cooperación, os compromisos a asumir polas partes, así como as accións a desenvolver. A comisión estaría formada por representantes políticos e técnicos das dúas partes.
Tanto o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, coma o concelleiro de Termalismo, José Ángel Vázquez Barquero, amósanse moi receptivos á proposta da Deputación, e celebran o bo entendemento e colaboración das dúas institucións para a defensa dos intereses da cidade de Ourense.