A Unión Deportiva Ouense regresa ao estadio do Couto para medirse ao Peroxa B. Os de Antonio Dacosta tentarán seguir coa racha positiva e lograr a décimo sexta vitoria na Liga. O encontro terá lugar o domingo a partir das 16.15 horas, e o árbitro do mesmo será o colexiado, Juan R. Dapía Francisco.
O filial do Peroxa é décimo con 18 puntos. Na primeira volta os capitalinos foron quen de golear por un contundente 0-7 no que era a segunda xornada de Liga. Nese partido presumíase que ía ser un bo ano para a UD cunha confección de plantilla superior á categoría que ían disputar; agora é unha realidade. A UD buscará unha nova vitoria de cara a lograr, o antes posible, o ascenso á Segunda Rexional. A ilusión na parroquia unionista crece cada día máis, polo que se espera que este domingo volva a ter unha boa entrada como xa ocorrera no primeiro partido disputado no Couto fronte o Palmés.
Razamonde
A UD Ourense comezou a segunda volta do mesmo xeito que comezara a primeira: con vitoria ante o Razamonde. Os de Antonio Dacosta dobregaron ao seu rival nun terreo de xogo moi embarrado.
A tarde fría e chuviosa comezou cun penalti a favor da UD. Adolfo o lanzaría e o meta rival adiviñou a traxectoria evitando o gol visitante. Sen tempo para lamentarse, Julio Salgado lograba o primeiro da tarde tras pase de Xaco. Adolfo lograría resarcirse do penalti ao conseguir o segundo gol da UD Ourense. Outro que non faltou á cita co gol foi Xaco que anotaba o terceiro pasada a primeira media hora de encontro. Ao filo do descanso, Roberto Dacosta sentenciaba o encontro co cuarto tanto visitante.
Na segunda metade chegarían dous goles máis (un para cada bando). Por parte dos capitalinos, non podía ser outro que Santi o que marcaba o quinto; e Esteban marcaba o da honra do Razamonde.
Atención ao público
Unha vez a disposición das oficinas do Couto, a UD abrirá ao público o sábado de 11 a 13 e de 17 a 20:30h. A oficina abrirá a todo aquel que queira facer o seu novo carné, recoller os xa feitos, mercar camisetas e bufandas, recoller as xa reservadas, entre outras cousas. Desde o club recordan que as persoas que se acolleron ao pagamento fraccionado da súa cota de socio, deben facer fronte á segunda parte da mesma nos días que quedan do mes de xaneiro.
A entidade está preto do 1.200 socios e abonados.