Os nacionalistas queren retomar a implantación deste proxecto, e por iso presentan iniciativas no Concello de Ourense e no Parlamento galego.
O BNG acusou este luns a PSOE e PP de “deixar o morrer” o Plan de Emprego, documento acordado por estas tres forzas políticas e representantes sindicais, dos empresarios e da Universidade hai agora un ano que prevía investir tres millóns de euros en políticas de emprego na nosa cidade.
Segundo denunciaron a concelleira Susana García e a parlamentaria Tereixa Paz, non hai noticias da tramitación do Plan de Emprego desde marzo de 2014, cando se aprobara unha moción na corporación municipal ourensá para solicitar á Xunta os informes preceptivos para poñelo en marcha, informes necesarios ao ser emprego unha competencia propia da Administración autonómica. “Desde entón non soubemos máis, non hai contestación da Xunta de Galicia nin o PSOE deu pasos para conseguir esa contestación”, apuntaba García. Por iso, os nacionalistas presentarán no pleno de febreiro unha moción sobre este asunto, para que os grupos se posicionen. “O PSOE ten que explicar por que deixou morrer o plan e o PP ten que explicar por que quixo enterrar o plan desde o principio”, engadía a voceira do Bloque.
Engade García que os cartos non son escusa, xa que “hai fondos para xestionalo” procedentes do remanente de tesourería.
Pola súa banda, a deputada Tereixa Paz informou de que viña de presentar unha iniciativa no Parlamento para preguntar ao Executivo galego “a que es debe esta demora por parte da Xunta en emitir informes”. A nacionalista tamén lle solicita á Xunta que facilite a aplicación deste plan “con apoio mesmo económico”.