A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou ás instalacións e mantivo un encontro cos directores, cos traballadores e cos propios usuarios das residencias de Nosa Señora dos Miragres e Santa Marta, do centro ocupacional de Aspanas e o centro de día de Aixiña.

 

A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, percorreu diversos centros de maiores e de discapacidade de Ourense para pulsar a súa realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario. En concreto, mantivo un encontro cos directores, traballadores e cos usuarios das residencias de Nosa Señora dos Miragres e Santa Marta, do centro ocupacional de Aspanas e o centro de día da asociación Aixiña.

A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.

A dependencia é unha prioridade para o Goberno galego. En concreto, na provincia de Ourense existen máis de 2.100 prazas públicas de maiores e discapacidade ás que a Consellería de Traballo e Benestar destina ao ano 27 millóns de euros. Para persoas maiores ofértanse máis de 1.500 prazas públicas, un 19% máis que en 2009 e preto de 600 para persoas con discapacidade, o que supón un 2,4% máis que en 2009.

Ademais, tal e como reflicten os orzamentos de 2015, a Xunta destinan este ano case 300 millóns de euros á atención á dependencia en Galicia, o que supón un incremento de 20 millóns de euros con respecto a este ano. Trátase, un ano máis, da partida que concentra o maior esforzo orzamentario da Consellería de Traballo.