As melloras suporán un investimento de preto de 172.000 euros.

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten en licitación obras por importe de 171.887,89 euros para a recuperación das pontes de Couso (Avión), Éntoma (O Barco de Valdeorras), e da Portela (Vilamartín de Valdeorras). As obras, que estarán adxudicadas no mes de febreiro, están cofinanciadas nun 80% polo fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

No caso da Ponte de Couso, cun orzamento de 79.225 euros, as actuación irán dirixidas ao reforzo na fábrica que aínda está en pé. Ademais a parte derrubada repoñerase con materiais orixinais recuperados do leito do río.

O orzamento na Ponte de Éntoma, é duns 72.400 euros, cos que se está previsto realizar os pertinentes traballos de roza e limpeza de vexetación que dana a fábrica da ponte, así como o retacado, ripiado e rexuntado con morteiro de cal hidráulica da cachotaría, a execución de novos peitorís en mampostería de lousa. Así mesmo, demoleranse os pavimentos de formigón existentes e realizaranse uns novos de esquisto de catou ou chapacuña.

Por último, en Vilamartín de Valdeorras a Consellería procederá a rehabilitar a Ponte da Portela, á que se destinarán 20.300 euros. O obxecto destas obras é repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar á súa seguridade de uso e mellorar as condicións de acceso viario. Para iso desenvolveranse labores, fundamentalmente, de roza, limpeza, desmonte, rasanteo e perfilado do terreo afectado. Ademais construirase unha protección para o estribo cun muro de escolleira e reconstruiranse os peitorís.

Todos estes traballos reforzan a aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por manter o patrimonio histórico de Galicia, como é o caso destas pontes que agora serán obxecto dunha intervención específica.