Haberá cursos para nenos e adultos, e a inscrición nos mesmos é gratuíta.
A concelleira de Medio Ambiente, Susana Bayo, presentou en Montealegre as actividades programadas no parque para o inicio deste ano 2015. Organizaranse tres cursos destinados a adultos: zonas húmidas, mudanza climática e agricultura ecolóxica; e outros tres para nenos: zonas húmidas, entroido e hortos infantís.
Todos os cursos son gratuítos e xa se pode formalizar a inscrición, desde hoxe mesmo na Concellería de Medio Ambiente, a través da web www.botanicodemontealegre.com ou no teléfono 988388135.
Calendario de cursos
Os primeiros cursos para adultos terá lugar ata finais de marzo.
O primeiro será este 31 de xaneiro, ás 16.30 horas, e consistirá nunha charla sobre as zonas húmidas e a súa importancia. Ademais, plantaranse varias especies. O segundo será o 14 de marzo, ás 17.30 horas, e abordará a agricultura ecolóxica, coa explicación de sementes, o xeito de plantar e a elaboración de caldos de uso común. E o terceiro o 24 dese mesmo mes, tamén ás 17.30, e tratará a mudanza climática a través dun documental e un coloquio posterior.
Os cursos para os máis cativos darán comezo o 1 de febreiro, ás 11.30 horas, cunha pequena charla sobre as zonas húmidas, despois da cal os nenos reproducirán con plastiliña o explicado. O segundo será o 15 de febreiro, tamén ás 11.30, e pola coincidencia co Entroido este será o seu tema central, de maneira que os participantes fabricarán as súas máscaras e disfraces coas follas do parque. E xa o 15 de marzo, á mesma hora que os anteriores, dará comezo un obradoiro sobre hortos infantís, no que os nenos aprenderán a cultivar o seu propio horto, descubrindo as verduras, aprendendo a sementar, colleitar e coidar o terreo. Esta actividade celebrarase un domingo de cada mes.
8.138 visitantes en 2014
A concelleira tamén fixo balance dos visitantes que acolleu Montealegre durante o 2014. Un total de 8.138 persoas acudiron a desfrutar da zona e o seu entorno, obradoiros, actividades ou concertos no pasado ano. Esta cifra supón un incremento dun 25% no número de visitantes con respecto ao 2013, que recibira 6.207. Dos visitantes, ao redor dun 10% son de fóra da provincia.
Tamén durante o 2014 realizáronse dúas plantacións: un arboretum de 16 árbores de sete especies diferentes, e o bosque de Eixo Atlántico, con 35 árbores representativas de cada concello membro do Eixo. Así mesmo, entre decembro do ano pasado e este mes de xaneiro incorporouse un novo arboretum con 462 exemplares entre árbores e arbustos.
Con estas plantacións, Montealegre conta a día de hoxe con 512 novas plantas pertencentes a 134 especies, das cales 82 son arbóreas e 52 son arbustivas ou herbáceas.