Juana Ageitos

Ao non contar cos apoios necesarios para sacala adiante.

 

A concelleira de Comercio, Juana Ageitos, informou este mércores que o grupo de goberno non levará ao pleno de febreiro a ordenanza de veladores, pois non conseguiu o consenso necesario coa oposición para conseguir a súa aprobación.

En declaracións aos medios de comunicación, Ageitos foi crítica coa postura do BNG, que xa anunciara previamente que só apoiaría a ordenanza se aceptaba as emendas nacionalistas. “No puedo permitir como concejala que en horas de verano los hosteleros sean tan malos malísimos que tienen que cerrar las terrazas a la una o una y media de la madrugada”, dixo a edil socialista, recalcando que “los hosteleros tienen su derecho a tener las terrazas abiertas” e en todo caso, de haber un incumprimento do horario a ordenanza establece sancións “e incluso podríamos levantarle la terraza”.

Ageitos insiste que se trata dunha ordenanza na que participaron veciños, hostaleiros, comerciantes e partidos políticos e que seguirá traballando para sacala adiante. “Esto no se va a paralizar, ni por unas próximas elecciones”, afirmou, recordando que o seu obxectivo é que “en esta ciudad se pueda pasear sin tener esos obstáculos y podamos estar sentados disfrutando de una cerveza”.

Postura do BNG
Pola súa banda, o grupo municipal do BNG lamentaba que non se chegara a acordos nesta materia “pola falta de flexibilidade do goberno de Ourense”. Susana García, voceira das nacionalistas indicaba que “as nosas alegacións estan avaladas por todas as veciñas que participaron no proceso enviando propostas e son para equilibrar a convivencia e o descanso das veciñas cos horarios de uso por parte das hosteleiras, é a posición do goberno o que imposibilita o noso apoio”.

As emendas nacionalistas solicitaban a supresión das referencias á redacción dun plan en zonas que se consideren estratéxicas para potenciar a imaxe turística da cidade “porque abre a posibilidade á discriminación das hosteleiras en función do sitio no que se sitúen as terrazas”. Tamén demandaban suprimir as referencias aos peches laterais. “As terrazas son un complemento do establecemento, en ningún caso poden converterse nun local fóra do propio local”, explicaban. En canto aos horarios, o Bloque propuña de 9 a 12 horas durante a semana e ata a 1:30 en festivos, vésperas e fin de semana. E propuña que a máxima distancia dende o establecemento á terraza debía ser de 15 metros.