O fotógrafo José Luis Montes inaugura a exposición ‘Unha mirada sen fronteiras’ o sábado día 31 na Sala de Exposicións de Verín. A mostra permanecerá até o día 20 de febreiro e poderase visitar de luns a sábado das 10 ás 14 e das 17 ás 20:30 horas.

 

Unha mirada sen fronteiras’ transmite a visión persoal do autor sobre persoas de outras culturas captadas na súa vida cotiá. A pretensión de Jose Luis Montes é crear curiosidade no espectador por formas de vivir tan distantes para nós como son as dos árabes, bérberes, cenetes e beduínos que habitan as montañas do Rif, os vales do Atlas o as cidades milenarias de Marrocos e Túnez. Porque, para o autor, o contraste cultural, a ignorancia e o medo ao descoñecido supón, para moitas persoas, unha fortificada fronteira.

José Luis Montes naceu en Salvador de Baía (Brasil). Cando tiña seis anos, os seus pais, emigrantes, retornaron a Carballiño, onde se instalou definitivamente. Autodidacta no ámbito fotográfico, o obxectivo prioritario deste “fotógrafo de rúa”, como se auto-define, é transmitir a vida da xente en paisaxes urbanas e hábitats naturais diversos. José Luis Montes está integrado na Asociación Fotográfica “O Potiños” do Carballiño.

É a segunda mostra da Asociación Fotográfica “O Potiños” no que vai do 2015 na Sala de Exposicións de Verín, tras a de ‘Rodeira Monocolor’, realizada por José Luis Diz, socio fundador da Asociación Fotográfica “O Potiños”, e que pode visitarse ata este venres no seguinte horario: das 10 ás 14 e das 17 ás 20:30 horas.