Entre os días 13 e 18 de febreiro as rúas recobrarán o protagonismo con música e festa.

 

O Entroido é a primeira gran celebración do Ciclo Festivo Ourensán, e desde logo tamén unha das máis queridas e gozadas polos ourensáns así como polas numerosas persoas que visitan a cidade. Esta mañá presentouse a programación para o Entroido, que neste 2015 vai desde o venres 13 ao mércores 18 de febreiro.

Entre as actividades máis destacadas están as organizadas para rapaces e rapazas na Praza Maior todos os días agás o domingo – que a Banda Municipal ofrecerá o concerto de Entroido -, e tamén sesións Dj´s na Praza do Correxidor e orquestras na Praza Maior pola noite. O desfile de comparsas e carrozas do domingo adianta este ano a súa saída ás 17 h, tendo en conta a numerosa participación infantil. Como despedida, queda o mércores co enterro da Sardiña que inclúe pola mañá o Gran Feirón da Sardiña e pola tarde a concentración na Praza Maior ás 20 h. Algo que non podía faltar á tradición do Entroido é a animación musical, que percorrerá as rúas todos os días cuns 50 pases de charangas aproximadamente.

A concelleira de Educación e Cultura, Ana Garrido, animou á participación cívica da xente, e quixo agradecer a moi boa acollida que están tendo as actividades previas ao Entroido, con obradoiros de elaboración de comadres e compadres que teñen lugar desde o día 26. Posteriormente, máis de 400 alumnos e alumnas participarán nas regueifas e loitas tradicionais os xoves 5 e 12 de febreiro – compadres e comadres respectivamente -, o que representa o dobre de participación respecto aos pasado anos.