Do 5 ao 22 de febreiro, as rúas e prazas de Verín acollerán a celebración do Entroido 2015, unha das celebracións máis orixinais, ancestrais e participativas de Galicia, que foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional no ano 2009.
Tras a primeira saída dos cigarróns no día de San Antón, comeza o Entroido 2015 co Xoves de Compadres, que será o 5 de febreiro. Tras cear nos restaurantes da localidade, á media noite os homes e mozos inician a celebración desta cita cun percorrido polas rúas da localidade ata a praza García Barbón, onde se celebrará o xuízo e queima do Maragato. Durante este percorrido, os compadres irán acompañados do Carro do Meco, con bica e licor-café, e da música da Banda de Gaitas do Concello de Verín, o Folión dos Lampreas, charanga e disco-móvil.
O Sábado de Corredoiro, o 7 de febreiro, a Residencia de Anciáns Santa María acollerá a partir das 16 horas un baile de máscaras, no que a animación musical correrá a cargo da Grupo Instrumental do Conservatorio Elemental de Música de Verín.
Xa o domingo, a partir das 11.30 horas terá lugar a tradicional concentración de cigarróns na praza do Concello para, con posterioridade, recibir aos fregueses á saída das igrexas Parroquial e RR.PP. Mercedarios. A música no faltará nas prazas Maior e García Barbón.
Xoves de comadres
Un dos días máis sinalados do Entroido de Verín é, sen dúbida, o Xoves de Comadres, que este ano se celebrará o 12 de febreiro. Desde as 11.45 horas terá lugar o Desfile Infantil de Entroido, no que os menores dos distintos centros educativos de Verín tomarán as rúas. O seu percorrido estará amenizado pola Banda de Gaitas do Concello e charangas.
O mesmo partirá, como todos os anos, do entroncamento da Canella Cega coa estrada de Cabreiroá, para percorrer as rúas Deputación, Luis Espada e Lisa, e finalizar nas prazas García Barbón e Maior.
Pola noite, as comadres encherán todos os restaurantes de vila, nos que cearán e bailarán ao ritmo da música. A media noite, no Barrio de San Lázaro, a Raíña do Entroido recibirá a comitiva de Don Carnal, que descenderá polo Camiño Real acompañado da Banda de Gaitas do Concello de Verín e do Folión de Carracedo. Despois, terá lugar a lectura do pregón que dará inicio o Entroido 2015, seguido da actuación da orquestra Marbella ata ben entrada a madrugada.
Como nos últimos anos, o Capuchón e a Mascarita serán os uniformes oficiais que portarán os asistentes á festa durante o Venres de Compadreo (13 de febreiro). A partir das 19 horas terá lugar a saída dos Escuadróns de Capuchóns e Mascaritas para percorrer diversas rúas e prazas da vila (desde o barrio de San Lázaro), con paradas estratéxicas para mollar a gorxa e encher o bandullo. Irán acompañadas en todo momento de dous Carros do Compadreo e dúas charangas, e finalizará o percorrido na praza de Edesio Fuentes, onde a música acompañará a tradicional degustación de porco ao espeto.
Os días grandes
O Sábado de Entroido, 14 de febreiro, ás17 horas, sairán desde a praza do Concello a confraría do Cigarrón cara a praza da Mercé pola rúa Laureano Peláez. Na propia praza da Mercé celebrarase o emblemático “Bautizo do Cigarrón”, des pois do cal os novos cigarróns presidirán unha marcha cara a praza do Cigarrón, onde se lle realizará unha homenaxe aos cigarróns que por calquera motivo non poden saír. A banda sonora será a cargo de diversas charangas.
O Domingo de Entroido, pola mañá, unha descarga de foguetes despertará a todos os entroideiros, seguida da concentración de carrozas, comparsas, máscaras e cigarróns ás 12 horas no Barrio de San Roque para o Gran Desfile de Entroido. A Banda de Gaitas do Concello de Verín e varias charangas serán os encargados de acompañar o desfile, percorrendo as rúas Luis Espada, Alameda e as prazas da Alameda e García Barbón. Na sesión vespertina e nocturna, continuará a animación musical polas rúas da vila e nas prazas Maior e García Barbón.
O luns 16 de febeiro, a partir das 16.30 horas, os xogos infantís e inchábeis tomarán no Pavillón dos Deportes, onde os máis pequenos, que serán os protagonistas, deben ir disfrazados. Seguindo a tradición, celebrarase o Día da Farelada con quilos e quilos de fariña, e moita música nas prazas García Barbón e Maior.
O Martes de Entroido, ás 16.30 horas, concetraranse carrozas, comparsas, máscaras e cigarróns no Barrio de San Roque, para media hora máis tarde, dar comezo ao Gran Desfile, que realizará o mesmo percorrido que o domingo. Todo iso sen que falta e boa música ata que o corpo aguante.
Sábado e domingo de Piñata
O sábado 21 de febreiro, a partir das 17 horas no Centro Sociocomunitario de Verín celebrarase un baile para usuarios a cargo da Grupo Instrumental do Conservatorio Elemental de Música de Verín, co que apurar as últimas horas para despedir o Entroido. Xa o domingo 22, o xantar popular, para comparsas e carrozas, e música dende as 17 horas nas prazas Maior e García Barbón poñerán fin ao Entroido 2015 de Verín