Un dos seus primeiros pasos consistirá en reunións con colectivos sociais, veciñais e asociativos da localidade.
Este 29 de xaneiro celebrouse en Verín, convocada pola Executiva Provincial do PSOE, unha asamblea xeral de militantes para constituir a nova comisión executiva socialista da localidade.
Tras esta xuntanza, o órgano rector do PSOE en Verín está conformado por Rosario Rodríguez (secretaria Xeral), Benigno Rodríguez (secretario de Organización), Elías Taboada (secretario de Política Municipal), Cristina Reigada (a cargo de Igualdade e Participación) e Julio Vietez (responsable de Administración e Finanzas).
A primeira decisión tomada pola nova executiva vai na dirección de iniciar unha xeira de xuntanzas – xa programadas – con colectivos sociais, veciñais e asociativos de cara a “conformar unha candidatura de base popular e unidade cidadá que poida facer frente o caduco e desnortado goberno municipal do PP”, explican.
Por útimo, recalcan que esta nova executiva local “ten coma única aspiración ser unha canle útil e eficaz para a defensa dos intereses colectivos do pobo de Verín”.