Durante os meses de xullo e agosto, familias ourensás poderán acoller a menores saharauis de 8 a 12 anos, que viven actualmente nos campamentos de refuxiados de Tinduf.

 

O luns 2 de febreiro abre o prazo de inscrición para tódalas familias ourensás que desexen acoller a un neno ou a unha nena saharaui neste verán, mediante o programa “Vacacións en paz”. A iniciativa responde un ano máis ao convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Durante os meses de xullo e agosto, familias ourensanas acollen nos seus domicilios a menores saharauis de entre 8 e 12 anos, que viven actualmente nos campamentos de refuxiados de Tinduf.

Mediante o programa, evítase que os cativos permanezan no deserto nos meses de máis calor, que en ocasións supera os 50 grados centígrados á sombra. Así, o Concello sufraga os gastos de avión e autobús, e organiza durante a súa estancia actividades de ocio e tempo libre para reforzar as relacións con outros menores residentes na cidade.

Os nenos e nenas acollidos coñecen unha nova cultura, un novo idioma, novos costumes.. complicado para eles en condicións normais, tendo en conta os recursos económicos dos que dispoñen. Ademáis, son revisados por exames médicos, permitindo un desenvolvemento físico saudable, de importancia capital nas condicións extremas nas que viven.

Durante a súa estancia, os beneficios que obteñen os menores son numerosos: a súa saúde e vitalidade melloran, poden desfrutar dun clima máis benigno, mellor alimentación, establecen relacións de amizade con nenos ourensanos e fortes vínculos coas familias de acollida, que en moitos casos se manteñen co tempo.

A selección dos nenos e nenas realízaa o propio pobo saharaui, a través dun departamento creado para tal fin. Os criterios de selección baséanse nas boas notas, ser fillos de mártir da guerra e ou ter problemas de saúde que haxa que tratar.

Entrega de solicitudes e admisións
As familias interesadas en acoller non teñen que ter fillos, e poden facer a súa solicitude nas dependencias da Concellería de Benestar Social, en Bispo Carrascosa, 14-1º, ata o 20 de febreiro. Os interesados en obter máis información poden dirixirse ao 988 38 11 37.

As familias acolledoras admitidas recibirán unha charla formativa, a cargo da Asociación de Axuda ao Sáhara, onde se lles informa do idioma, cultura, costumes dos menores e se lles dan pautas para unha boa convivencia. Durante a acollida, lévase a cabo un seguemento das incidencias, tratamentos médicos e se apoia ás familias cun monitor saharaui.