A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pechou esta semana, no IES Taboada Chivite de Verín, a primeira actividade do trimestre do proxecto de dinamización lingüística Dragal, baseado na triloxía do mesmo nome de Elena Gallego Abad.
Trátase dun encontro da escritora co alumnado dos 11 centros educativos que participan durante o curso 2014-2015 nesta iniciativa multimedia e multidisciplinar pensada para animar o estudantado da ESO a ler, a crear e a investigar en galego.
Tras o éxito da primeira edición do Proxecto Dragal, celebrada o curso pasado, a iniciativa chega este ano a 4 centros educativos máis, e faino incorporando novidades. Unha delas é a visita de Elena Gallego. Outra, esta prevista para o próximo trimestre, é a actuación en cada instituto ou CPI dun contacontos profesional que peche a actividade “detective de lendas”, coa que o alumnado se achegará á investigación arredor da Galicia máxica. Ademais, o wiki do proxecto, onde os rapaces e rapazas realizan e comparten traballos, renovouse con novas funcionalidades.
Na segunda edición do Proxecto Dragal están implicados 659 estudantes de primeiro e segundo da ESO das catro provincias e 55 docentes coordinados polos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería.
Dúas semanas de encontros
A escritora Elena Gallego, autora da triloxía Dragal na que se basea o proxecto do mesmo nome, visitou dende o luns 19 de xaneiro e ata o venres 29 varios institutos galegos, entre eles o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia e o IES Taboada Chivite de Verín.
Durante as visitas, a escritora foi presentada nos institutos polo coordinador ou coordinadora territorial dos equipos de dinamización da lingua galega e, a continuación, percorreu cada centro para coñecer o labor de ambientación ou dragalización realizado polo alumnado ao longo do primeiro trimestre do curso, tras a lectura da primeira novela da triloxía. A continuación, mantivo encontros co alumnado nos que se referiu ao labor de investigación e de documentación previa que require a escrita dunha novela, ás razóns que a moveron a escoller a temática dos dragóns para a súa triloxía Dragal e á análise dos elementos da cultura galega nas que estes seres fantásticos están presentes.
O Proxecto Dragal forma parte das liñas de traballo da Consellería de Cultura e Educación para promover o uso do galego no ensino.