Poden participar alumnos de educación Infantil, Primaria, educación Especial e ESO da provincia de Ourense. A presentación de traballos, artísticos e literarios, remata o 18 de marzo, e os premios entregaranse o día 6 de abril.
A Deputación de Ourense veén de convocar o II Premio “Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar”, no que poden participar alumnos de educación Infantil, Primaria, educación Especial e ESO de centros de ensino xeral tanto públicos como concertados e privados da provincia de Ourense. A presentación de traballos, artísticos e literarios, remata o 18 de marzo, e os premios entregaranse nun acto que se celebrará no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense o día 6 de abril, conmemorando o Día do Estatuto de Autonomía de Galicia.
O lema desta edición, segundo recollen as bases aprobadas pola Xunta de Goberno da Deputación é: “O Estatuto de Autonomía de Galicia: recoñecemento dunha nacionalidade histórica”. Os alumnos participantes realizarán os seus traballos de xeito individual.
En canto ás modalidade, os alumnos de educación Infantil, Primaria e de educación Especial presentarán un debuxo ou traballo artístico que deberá facer referencia ao lema do concurso. Será presentado nun folio ou cartolina en branco, tamaño A4, non terá relevos e a técnica a empregar será libre.
Pola súa banda, os alumnos de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) deberán presentar unha redacción sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia, cunha extensión mínima de sete folios e máxima de doce, escrita en galego, a man ou en ordenador, por unha soa cara e a dobre espazo. Se o traballo se fai en ordenador o tipo e tamaño de letra será Arial 12. O traballo literario poderá ser ampliado ou complementado con fotografías, recortes de prensa, etc.
Na modalidade de debuxo (educación Infantil, Primaria e Educación especial) premiaranse os 3 mellores debuxos de cada un dos niveis educativos con diploma, unha colección de libros e material audiovisual. Na ESO premiaranse os 3 mellores traballos de redacción con diploma, unha colección de libros e material audiovisual. Poderá declararse deserto algún premio se o xurado o considera oportuno.
As bases poden consultarse na web da Deputación de Ourense.