Do 16 ao 18 de febreiro a vila alaricana festexa o Entroido 2015 con festa infantil, desfile de comparsas, cachuchada e moita música.

 

O luns 16 de febreiro, ás 17 horas, no pavillón do instituto terá lugar unha festa infantil, con música a cargo dun DJ e batucada.
Xa pola noite, ás 21 horas no Campo da Barreira, celebrarase a tradicional Cachucada, na que os asistentes degustarán cocido, lacón, cachucha, chourizo, touciño, pan e viño, bica e licor. Os interesados en asistir poden mercar a súa entrada en: Librería Nenos, Bar Novo, Roi Xordo, Os Pacos, A Taberna do Pepiño e Bar Miudiño. O custe será de 10 euros, salvo para os menores de 8 anos que poderán acudir de balde.

Ademais, trala cea terá lugar o sorteo dun lote de produtos de entroido.

Gran desfile o martes
O martes 17 de febreiro, ás 17.30 horas dará comezo o desfile de comparsas, con saída na estrada de Xunqueira á altura do CEIP. O percorrido será amenizado pola charanga Sorcha e Batucada Axóuxere.

Os grupos de máis de 10 compoñentes optan a catro premios, de 200, 150, 100 e 50 euros.  O xurado valorará a orixinalidade, elaboración, escenificación e acompañamento musical.

Ao remate do desfile, no pavillón do Instituto, terá lugar un baile de entroido con música a cargo dun DJ.

Pranto de Entroido
E xa o mércores 18, ás 20 horas na praza Maior celebrarase o pranto de Entroido, coa queima do meco no campo dos Brancos.