Ethel Vázquez en Melón

A conselleira de Medio Ambiente, acompañada pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e pola alcaldesa de Melón, Cristina Francisco, supervisou o remate das obras de empedrado do viario público no núcleo rural de Quins.

 

A actuación enmárcase dentro do Plan Hurbe, e supuxo un investimento de case 150.000 euros. Durante a visita Ethel Vázquez destacou as 40 actuacións de mellora de espazos públicos realizadas na provincia de Ourense ao abeiro do Plan Hurbe e dun investimento de preto de 7 millóns de euros.

En Quins a obra realizouse nunha vía que comunica a estrada N-120 coa igrexa deste lugar, unha edificación singular de fins do século XVI. O núcleo de Quins alberga unha das maiores concentracións de hórreos de Galicia e presenta unha serie de elementos catalogados de enorme valor etnográfico como cruceiros, casas de tipoloxía tradicional, unha casa reitoral e lavadoiros, ademais doutras edificacións.

Ethel Vázquez explicou que “con esta intervención queda probado o compromiso da Xunta coa recuperación da paisaxe galega e, en especial, coa rehabilitación dos núcleos rurais e coa mellora da calidade de vida dos cidadáns”.

Na súa intervención, a conselleira de Medio Ambiente explicou que “esta é a segunda actuación que se executa en Melón con cargo ao Plan Hurbe. Nos últimos catro anos, o investimento para a humanización e a mellora de espazos públicos neste municipio acadou os 366.000 euros, xa que 216.000 euros destináronse á remodelación da rúa Calvo Sotelo, fase II.

Nesta actuación, concretamente, levouse a cabo o empedrado de 770 m² de pavimento de lastras de granito moreno, sentados sobre capa de morteiro de cemento de oito centímetros de espesor, engadiuse tamén rígola recta de granito totalmente serrada sobre leito de formigón, sentada con morteiro de cemento e soleira de formigón. No apartado da rede eléctrica, colocáronse 180 metros de canalización soterrada para alumeado público formada con tubo PVC de 63 mm de diámetro.