Deputados e senadores PP

Os deputados nacionais Celso Delgado e Ana Belén Vázquez, así como os senadores do PP de Ourense Carmen Leyte, Francisco José Fernández e Juan Manuel Jiménez Morán explicaron asuntos de actualidade económica do Goberno central de interese para a provincia, como son a reforma fiscal, as pensións e o emprego.

En relación á reforma fiscal, o deputado nacional Celso Delgado desgranou datos por anualidades referidos á provincia de Ourense. Así, a reforma do IRPF en Ourense suporá unha inxección en 2015 de algo mais de 24 millóns de euros para os seus 147.353 declarantes, devolvendo aos petos dos ourensáns 166 euros de media por declarante. De feito, no pasado mes de xaneiro, a rebaixa de impostos xa supuso unha inxección de dous millóns de euros en Ourense.

No que respecta ao ano 2016, o impacto da segunda fase da reforma respecto ao ano anterior será de 8 millóns de euros adicionais, o que suporá devolver aos petos dos ourensáns 53 euros de media por declarante.

Pensións

Celso Delgado explicopu que dende que tomou posesión o actual Goberno, a pensión media de xubilación se incrementou nun 3,54 %. «A aposta é firme para que os pensionistas gañen poder adquisitivo», recalcou o deputado ourensán.

En clave ourensá, o deputado popular recalcou que «en 2015 todas as pensións dos 109.683 pensionistas ourensáns se revalorizarán nun 0,25%. Entre esta revalorización e a reforma fiscal, a pensión media neta mensual aumentará un 3% con respecto ao ano 2014.

EPA

Na rolda de prensa fixeron referencia aos datos coñecidos o pasado 22 de xaneiro relativos á Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre de 2014 referidos á provincia de Ourense, que acreditan que pechamos 2014 con 107.400 ocupados (en 2013 eran 102.900), o que supón un crecemento da ocupación de 4.500 persoas.

A enquisa da EPA tamén sinala que se pechou 2014 con 27.800 parados (en 2013 eran 31.100), o que supón 3.300 desempregados menos.

No que se refire á taxa de paro, quedou situada a final de ano no 20,59% (en 2013 era do 23,21%). Polo tanto, se reduce en 2,62 puntos. Unha taxa de paro provincial inferior en 3,11 puntos respecto á media nacional (23,70%).

Celso Delgado recalcou que «sen ningún triunfalismo, cabe valorar estes datos como moi positivos e evidenciadores da recuperación económica da economía ourensá no contexto da economía nacional».

Paro rexistrado

Tamén falaron de que ao peche de 2014, a provincia de Ourense contabilizou 27.314 parados rexistrados, cando a finais do ano 2013 foron 29.276. Polo tanto en 12 meses saíron das listas do paro un total de 1.962 persoas, o que representa, en valores porcentuais, o -6,70%; 1,31 puntos máis de descenso que a media nacional.

O último dato coñecido de paro rexistrado na provincia é de xaneiro de 2015, que contabiliza un total de 28.115 persoas. «Se comparamos este dato co do mesmo mes de 2014, resulta que en Ourense hai 2.542 parados menos, o que supón unha caída do desemprego do 8,29%.

Son, “ao igual que os da Enquisa de Poboación Activa, uns datos esperanzadores e temos a confianza de que se siga reducindo o desemprego no presente ano 2015″, concluiu o deputado Celso Delgado.