Este centro presta servizos aos cinco concellos que integran a mancomunidade pero a súa área de cobertura estendese ao resto de municipios da comarca do Ribeiro.

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou este 5 de febreiro o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade do Ribeiro onde o goberno galego leva investidos preto de 185.000 euros nos últimos 5 anos, para o seu mantemento e coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e a promoción da igualdade.

Rogelio Martínez mantivo unha xuntanza co presidente desta mancomunidade e alcalde de Leiro, Francisco Fernández, e co persoal do CIM para coñecer de preto os programas desenvoltos neste centro así como os servizos e informacións máis demandados. O CIM do Ribeiro conta con 5 traballadores, entre a directora e o persoal destinado ao asesoramento psicolóxico e xurídico e á dinamización sociocultural. O ano pasado atenderon a 112 persoas -96 mulleres e 16 homes- e 298 consultas.

Xestión compartida
Desde a pasada lexislatura, o Goberno galego está apostando pola suma de esforzos entre administracións, na procura dunha xestión máis eficiente dos recursos e un beneficio maior para a cidadanía, xa que se evitan duplicidades e solapamentos innecesarios.

O delegado territorial explicou que con este obxectivo, o que a Xunta prima nas súas axudas e subvencións a aqueles concellos que aposten pola prestación conxunta de servizos, como é o caso do CIM da Mancomunidade do Ribeiro, que desde a data da súa creación, en 2005, decidiu presentarse ás axudas a entidades locais de Igualdade agrupando aos concellos que integran esta entidade supramunicipal: Leiro, Cenlle, Beade, Cortegada e Arnoia. A súa área de influencia é maior e os seus servizos beneficia a todos os concellos da comarca.

En 2014 a esta Mancomunidade correspondeulle preto de 45.000 euros para o mantemento do CIM. Ademais, recibiu máis de 5.200 euros para programas de sensibilización e prevención da violencia de xénero no marco das subvencións recibidas na Orde de Entidades Locais 2014.

O CIM do Ribeiro organizou durante o ano pasado un ciclo de cine coa proxección de películas relacionadas coa violencia de xénero e a igualdade, distintas charlas sobre un amplo abano de temas e máis dunha ducia de obradoiros.