O Concello de Xinzo de Limia acolleu unha reunión da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o tenente de Alcalde do concello de Xinzo, Manuel Cabas López e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.
Previa aprobación da acta da Xunta de Seguridade do 25 de febreiro de 2014, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade que afecta aos concellos de Xinzo da Limia, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás e Vilar de Santos.
Os datos que reflicten as estatísticas amosan una tendencia estable tanto no cómputo de faltas como de delitos en 2014, trala notable baixada do total de infraccións penais; un 21,4 %, en 2013.
Trala avaliación dos datos estadísticos, na reunión tamén se abordou o dispositivo de seguridade que se vai por en marcha nas Festas do Entroido; que se concretou nunha planificación detallada de efectivos e medios, debidamente coordinados para que as actividades programadas dentro destas celebracións se desenvolvan con normalidade.
Roberto Castro agradeceu o “magnífico traballo que exercen as Forzas e Corpos de Seguridade”, pero precisou “que anque os resultados expostos parecen manter unha liña positiva, no debemos baixar a garda”. “Mentres haxa unha soa acción que lesione os dereitos dos cidadáns, o noso esforzo debe ser permanente na defensa dos seus intereses”, concluíu.
Respecto ás Festas do Entroido, o subdelegado do Goberno, agarda que esta importante celebración para Xinzo e a súa comarca “siga a servir de exemplo de comportamento festivo cívico e cordial, entre tódolos veciños e o gran número de visitantes que veñen de fora”.