Son datos que divulgou Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense na presentación comarcal realizada en Castro Caldelas baixo o impulso e a coordinación do Inorde.
A comarca de Terra de Caldelas saldou o ano 2014 cunha reducción do 9,1% no número de desempregados. Con ese rexistro, a variación interanual mellorou en 2,4 puntos porcentuais a taxa media da provincia de Ourense (-6,7%) e en dous puntos a taxa media de Galicia (-7,1%), segundo os datos facilitados na presentación do último informe do Observatorio Económico da Deputación
A esta cita coa diagnose da economía comarcal e coas novas liñas estratéxicas da Deputación de Ourense asistiron alcaldes, técnicos de emprego, axentes empresariais e sociais, así como representantes de distintas asociacións e agrupacións da zona. Os participantes tiveron ocasión de profundizar no planeamento e na estratexia que están a seguir a Deputación e o Inorde para rendibilizar na provincia o novo período de financiamento europeo 2014-2020, desde o impulso da cooperación entre as distintas administracións, entidades locais e axentes económicos e sociais.
Terra de Caldelas terá unha participación activa nos proxectos “Ourense Provincia Intelixente” e “Competitividade Ourense”, e na nova Axencia Provincial de Enerxía e Medio Ambiente que canalizará accións orientadas á eficiencia enerxética, á sustentabilidade e á renovación de estruturas. A través de esta iniciativa do Inorde, os concellos da comarca e as diferentes entidades e colectivos locais realizarán propostas para definir novos proxectos integrados, para identificar focos de interese e para activar a captación de fondos europeos adaptándose aos renovados criterios de financiamento.
Emprego máis estable
Na presentación dos resultados do Observatorio Económico, o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, salientou que “o máis tranquilizador da situación actual da provincia é comprobar que o emprego máis estable estase a dar nos chamados sectores estratéxicos, como é o caso da industria, da alta e media tecnoloxía e das actividades do sector servizos de maior compoñente innovador”.
Na diagnose sobre o mercado laboral da provincia, iniciativa que forma parte do Plan de Xestión e Estratexia Operativa da Deputación de Ourense (Plan OU92), José Manuel Rodríguez precisou que a pesar do leve empeoramento dos últimos meses, o ano 2014 pechou con seis comarcas e con 46 concellos en xeración neta de emprego, e co pleno das doce comarcas e con 78 dos 92 concellos reducindo a cifra de paro en taxa interanual.
Un 25% menos de paro en Castro Caldelas
No caso concreto de Terra de Caldelas, salienta o descenso do 9,1% no total de parados, grazas ao bo comportamento da cabeceira comarcal, Castro Caldelas, que situou a baixada interanual no 25,3%. Trátase do segundo mellor rexistro provincial, só superado polo 27,1% de descenso no municipio da Veiga, e dunha proporción similar á acadada por Lobios (-25,3%).
Por outra parte, o Observatorio recolle que, no período dos dous últimos anos, Terra de Caldelas logrou impulsar nun 50% a cifra total de empregos dentro dos sectores tecnolóxicos. E outro fito moi positivo consistiu en liderar no último ano a recuperación no número de unidades locais (centros de traballo), cunha subida interanual do 6,2%.
A cifra de centros de traballo existente no conxunto da comarca elévase a 224, moi preto dos 233 existentes no ano 2008, cando principiaba a crise económica. Por concellos, o censo actual está formado por 126 unidades locais en Castro Caldelas, por 40 en Montederramo, por 29 en Parada de Sil e igualmente por 29 na Teixeira.