Presentación do Observatorio Económico no Carballiño

A comarca de Carballiño destaca como a segunda da provincia, só por detrás da de Ourense, en xeración de empregos dentro do sector tecnolóxico, segundo o Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense.

Segundo os datos deste informe, Carballiño concentra o 14% das afiliacións á Seguridade Social no sector tecnolóxico, moi por diante das dúas comarcas que lle siguen no ránking provincial: Valdeorras, co 5,9% das afiliacións da provincia nas actividades tecnolóxicas, e Allariz-Maceda co 5,1%. A primeira comarca en representatividade é a de Ourense, co 56,7% dos 3.482 empregos tecnolóxicos da provincia, segundo datos do Observatorio Económico da Deputación.

No período de dous anos que vai entre setembro de 2012 e o mesmo mes de 2014, as afiliacións do sector tecnolóxico creceron un 26,5% en Carballiño, onde o maior peso laboral se concentra no grupo formado pola industria química, automoción, fabricación de material e equipamento eléctrico, e fabricación de maquinaria e equipamento.

Segundo motor do emprego
Máis alá da análise específica do sector tecnolóxico, os resultados xerais do Observatorio Económico destacan que Carballiño afiánzase como o segundo motor laboral da provincia, ao ampliar ata 110 afiliacións o seu diferencial sobre Valdeorras. A finais de 2014 tiña un total de 7.930 traballadores en alta, ao conseguir limitar a baixada interanual ao 0,75% -e ao 0,6% no caso concreto do concello do Carballiño-, cifra que reflicte a estabilización do seu mercado laboral.

Na evolución do paro, en 2014 logrou o importante fito de acadar baixadas xeralizadas en todos os concellos da comarca, exclusividade que só aconteceu noutras tres comarcas ourensás: Allariz-Maceda, O Ribeiro e Terra de Celanova. Así, pechou o ano cun descenso do 3,5% no número de parados, proporción que a nivel local achegouse ao 10% nos municipios de Boborás, Beariz e Punxín.

Novos criterios de financiación
A través desta iniciativa do Inorde, as presentacións comarcais do Observatorio permiten coñecer os novos criterios de selección de proxectos financiables pola Unión Europea durante o período 2014-2020, nos que resultará básica a cooperación intermunicipal e a acción coordinada entre administracións, entidades locais e axentes económicos e sociais.

O xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, destacou na su intervención que a comarca de Carballiño terá un acentuado protagonismo nas catro liñas estratéxicas da Deputación en materia de fondos europeos: os proxectos “Ourense Provincia Intelixente”, “Ourense Termal” e “Competitividade Ourense”, e a nova Axencia Provincial de Enerxía e Medio Ambiente que canalizará accións orientadas á eficiencia enerxética, á sustentabilidade e á renovación de estruturas.